Ángeles Vázquez destaca que o 50 aniversario do Día Mundial dos Humidais son 50 razóns para reforzar a protección da morada dos diferentes organismos da biodiversidade galega

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegouse ata o Humidal de Ortigueira e Ladrido, para celebrar o medio século da declaración internacional do Día dos Humidais, que se conmemora cada 2 de febreiro
Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que o cincuenta aniversario do Día Internacional dos Humidais recórdanos as cincuenta razóns polas que os galegos debemos seguir a coidar e protexer os cinco humidais Ramsar da Comunidade, xa que son a morada dos diferentes organismos que constitúen a biodiversidade galega.

A conselleira achegouse esta mañá a Ortigueira, ao Humidal de Ortigueira e Ladrido, para conmemorar o Día Mundial dos Humedais, que desde 1971 se celebra cada 2 de febreiro en todo o mundo. O obxectivo é recordar, e conmemorar, a sinatura do convenio Ramsar no que se plasmou o primeiro acordo internacional para protexer estes espazos. Nesta ocasión, o lema escollido é ‘Os humidais e a auga’, co fin de poñer o foco no papel esencial que xogan estes ecosistemas nas vidas de todos e para concienciar á sociedade na necesidade de empregar os recursos hídricos necesario e evitar o deterioro duns ecosistemas moi importantes para a vida, como son os humidais.

Recordou que en Galicia existen cinco zonas húmidas incluídas na lista Ramsar que suman máis de 7.500 Ha: a ría do Eo, as praias, lagoa e dunas de Corrubedo, a lagoa de Valdoviño, o complexo intermareal Umia-O Grove e a ría de Ortigueira e Ladrido.

Desta última, que forma parte de Ramsar desde 1989 e ten case 3.000 Ha., destacou o seu estuario, que presenta un complexo sistema hidrolóxico resultado da confluencia na súa desembocadura de diversos ríos (Mera, Ladrido, Casón, Pequeno e Maior na ría de Ortigueira e o Baleo na ría de Ladrido), e que se caracteriza por acoller a un grupo de aves importante, como as poboacións hibernantes de 68 especies migratorias.

Ao mesmo tempo, igual que os outros catro humidais de Galicia, estes espazos son clave para o mantemento da biodiversidade, porque almacenan e purifican a auga, actúan como mecanismo de control en épocas de inundación e protexen fronte ás tormentas da costa, permiten a diversidade biolóxica, é dicir, que haxa moitas especies convivindo nun só espazo, son zonas de descanso e alimentación para aves migratorias e axudan a frear o cambio climático, un dos grandes retos do presente e futuro.

Indicou que achegarse a este tipo de espazos permite coñecer todas as súas características, polo que estes valores non poden pasar desapercibidos, nin se deben esquecer. Así, a Consellería de Medio Ambiente levará a cabo un proxecto de sinalización, coa instalación de diferentes paneis informativos sobre a vida no humidal; para que os visitantes que se acheguen á zona para gozar dela poidan acceder a toda a información relativa a vida da fauna e da flora deste hábitat; é dicir, practicar un ocio sostible e responsable.

Comentar noticia

Your email address will not be published.