Ángeles Vázquez enxalza o labor dos viticultores e adegueiros galegos como “artífices do éxito dos nosos viños”

Destacou os bos datos de produción e comercialización do viño galego con selo de calidade no pasado ano, con 41,6 millóns de litros e unha facturación de 194,2 millóns de euros
Publicado por o día 03/04/2017 na sección de Economía,Eventos,Galicia,Ourense,Vigo

Ángeles Vázquez enxalza o labor dos viticultores e adegueiros galegos como “artífices do éxito dos nosos viños”

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, agradeceu hoxe o traballo dos adegueiros e viticultores galegos, que definiu como “os grandes artífices dos grandes éxitos que están acadando os nosos viños no panorama nacional e tamén no eido internacional”. Vázquez fixo este recoñecemento na inauguración do VII Salón do viño e licores galegos de calidade Vinis Terrae, que se celebrará hoxe e mañá en Expourense.

Nesta mesma liña, a titular de Medio Rural destacou os bos datos de produción e comercialización do viño galego con selo de calidade no pasado ano. Así, sinalou que a produción comercializada en 2016 foi de 41,6 millóns de litros, cunha facturación que acadou os 194,2 millóns de euros.


Por outra banda, a conselleira salientou tamén que o volume de viño comercializado baixo o selo de denominación de orixe é o máis alto dos últimos 10 anos e referiu a boa marcha das exportacións nos últimos tempos, que amosan unha tendencia continuada á alza. Neste contexto situou as diferentes liñas de apoio habilitadas pola consellería para apoiar o sector.

Así, sinalou que para reestruturación e reconversión de viñedo, a Xunta destinou máis de 61 millóns de euros nos últimos anos, que permitiron actuar en máis de 4.000 hectáreas. Tamén, as achegas para impulsar investimentos nas adegas, que en dez anos superaron os 39 millóns de euros, así como as axudas para promoción, con 10,6 millóns no período 2009-2016 para fomento das vendas fóra da UE e outros 9,5 millóns para promoción no mercado interior.

Deste xeito, a conselleira demostrou que o sector vitivinícola ten a consideración de “prioritario para a Xunta” e remarcou a importancia de certames como Vinis Terrae para difundir toda esta riqueza, na súa condición de “escaparate” para esta produción de calidade do agro galego.

Colaboración con Vinis Terrae

A Consellería do Medio Rural colabora coa organización deste salón Vinis Terrae con diferentes actuacións de promoción dos viños galegos. Así, dispúxose un túnel do viño con presenza de marcas das cinco denominacións de orixe vinícolas e de augardentes e licores tradicionais de Galicia. Ademais, situáronse unha serie de espazos expositivos dos viños premiados cos acios nas Catas de Galicia 2016 (9 empresas cun área de exposición duns 9 m2 cada unha). E tamén haberá actividades de catas comentadas das marcas premiadas cos acios de ouro nas devanditas catas.

Presenza da Evega

Ademais, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que depende de Medio Rural, desenvolverá un extenso programa de actividades neste salón, que inclúe a presentación de traballos técnicos e catas comentadas, en colaboración coa Asociación Galega de Enólogos (AGE), ademais de ofrecer asesoramento no túnel do viño. A estación dispón dun posto propio, o espazo Evega, cunha exposición permanente onde o visitante poderá achegarse un pouco máis a este centro de investigación e coñecer máis de preto as súas funcións, os servizos que presta ao sector vitivinícola galego así como consultar vídeos formativos e varias das publicacións científicas máis sobranceiras.