Ángeles Vázquez: “O futuro do sector lácteo pasa pola transformación e o queixo de Arzúa é un exemplo deste aposta”

A titular de Medio Rural participou nos actos de inauguración da 42ª edición da Festa do Queixo de Arzúa
Por o 04/03/2017 | Sección: Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
Ángeles Vázquez: “O futuro do sector lácteo pasa pola transformación e o queixo de Arzúa é un exemplo deste aposta”

A conselleira destacou o peso desta denominación de orixe protexida, que o ano pasado produciu máis de 3,4 millóns de quilos de queixo e superou os 21 millóns de euros facturados.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou esta mañá nos actos de inauguración da 42ª edición da Festa do Queixo de Arzúa, onde destacou que o futuro do sector lácteo galego pasa pola transformación dos seus produtos e un exemplo claro desta aposta é precisamente o queixo de Arzúa.

A conselleira salientou o peso desta denominación de orixe protexida no conxunto dos produtos galegos certificados e sinalou que o ano pasado se produciron máis de 3,4 millóns de quilos de queixo, superando así os 21 millóns de euros facturados. “Falamos de que máis da metade de toda a produción de queixo galego amparado e case as dúas terceiras partes da súa facturación veñen para a comarca”, engadiu.

A titular de Medio Rural subliñou que estas cifras demostran que a situación do sector lácteo é positiva, non só polo incremento do prezo do leite senón tamén polo investimento realizado o ano pasado en transformación. Concretamente, sinalou a conselleira, na provincia da Coruña houbo 13 solicitudes presentadas que suporán un investimento de 12,3 millóns de euros na transformación do noso leite. Un investimento inducido que se verá incrementado coa resolución das axudas deste ano e que supoñen outros 11,5 millóns máis na provincia para o desenvolvemento deste sector.

Proxectos innovadores

Esta transformación vai unida á innovación nos proxectos presentados e mostra diso, destacou Ángeles Vázquez, é o uso do leite noutros ámbitos distintos do alimentario como é o caso da reprodución da escultura da “queixeira”. Neste senso tamén puxo en valor o traballo de tres deseñadoras galegas que utilizan tecidos elaborados con proteína de leite na confección ou o traballo de cinco mulleres da Ulloa que fan alta cosmética ecolóxica co leite de vaca como base.

Neste senso, Vázquez reiterou a necesidade de loitar por un rural atractivo e innovador, “onde as empresas estean dotadas de instrumentos tecnolóxicos, onde a conciliación sexa unha realidade, falo de centros de día, de casas niño ou de lugares de lecer e de desenvolvemento turístico”, dixo.

DOP Arzúa Ulloa

A denominación de orixe protexida Arzúa Ulloa conta a día de hoxe cun total de 1.457 ganderías e 21 queixerías inscritas baixo este selo de calidade. O queixo amparado –Arzúa Ulloa, de granxa ou curado- elabórase con leite de vaca procedente das razas rubia galega, parda alpina e frisona ou os seus cruzamentos entre si.

Trátase do produto estrela desta festa, que se celebra ata o domingo 5 no concello coruñés de Arzúa, onde están presentes un total de 74 expositores para o goce dos presentes. Unha cita imprescindible no calendario de feiras agroalimentarias de Galicia.