Ángeles Vázquez: “Para Galicia é de vital importancia manter os dous piares da PAC como elemento esencial da política agraria”

A conselleira do Medio Rural apelou na conferencia de alto nivel de Madrid a traballar para que esta normativa “siga a ser ese símbolo que teñan sempre presentes os nosos mozos co fin de lograr a remuda xeracional”.
Publicado por o día 27/03/2017 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Ángeles Vázquez: “Para Galicia é de vital importancia manter os dous piares da PAC como elemento esencial da política agraria”

A Consellería do Medio Rural, Ángeles Vázquez, defendeu esta mañá os intereses de Galicia na conferencia de alto nivel organizada polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para debater sobre o futuro da PAC. A portavoz da Xunta explicou que para a nosa comunidade “é de vital importancia manter os dous piares da Política Agraria Común como elemento esencial da política agraria” e insistiu en que é fundamental “para manter as rendas dignas dos nosos gandeiros e agricultores”. “Hai que traballar por que siga a ser ese símbolo que teñan sempre presentes os nosos mozos co fin de lograr a remuda xeracional”, declarou.

No 2015 as axudas directas en Galicia superaron os 180 millóns de euros que se distribuíron entre 31.398 agricultores, o que demostra a importancia que ten o primeiro piar da PAC na nosa comunidade. De feito, a conselleira sinalou que estas achegas favoreceron á adopción de métodos de produción beneficiosos para o medio ambiente, contribuíron ao mantemento das áreas rurais ao impulsar a actividade agraria e incrementaron as rendas dos produtores a través da viabilidade das súas explotacións.

A titular de Medio Rural aproveitou a súa intervención para explicar as singularidades de Galicia dentro do Estado e de toda a Unión Europea, entre as que destacou o predominio do vacún. Por un lado, de leite, xa que temos o 56% das explotacións do Estado, pero tamén de vacún de carne, xa que a nosa comunidade é onde existe un maior número de granxas con vacas nodrizas, que dependen en gran medida das axudas para a súa sustentabilidade.

Outro factor que distingue a Galicia é a excesiva parcelación. “Pese a ter só medio millón de hectáreas de superficie agraria, o número de parcelas é altísimo, máis de 15 millóns, polo que a xestión das axudas ligadas á superficie é máis complexa”, sinalou Vázquez, e precisamente por iso, apelou en varias ocasións durante o seu discurso á necesidade de simplificar as axudas, tanto a súa tramitación como a normativa. “A propia comisión admitiu que a aplicación do pago para prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente está sendo complexa, polo que é preciso que esta medida se simplifique e teña en conta as particularidades propias dos sistemas produtivos galegos”, sinalou a titular de Medio Rural.

Na comunidade galega a maioría das solicitantes son mulleres, ata un 57% das persoas físicas, fronte á medida estatal do 35%. “Polo que a PAC tamén representa unha ferramenta para promover a igualdade de xénero no rural”, declarou Ángeles Vázquez. Ademais, a conselleira destacou tamén que a PAC contribuíu a que Galicia “sexa hoxe unha rexión europea produtora de alimentos de calidade”, en referencia ás producións agrícolas con denominación de orixe e á utilización de sistemas de produción extensivos que permiten manter as razas gandeiras autóctonas e que, á súa vez, son respectuosos co medio ambiente

Peticións

Neste contexto, Galicia entende este proceso de reforma da Política Agraria Común como unha oportunidade de resolver os problemas detectados durante a PAC deste período. Así, a conselleira propuxo unha maior concreción de conceptos como o de agricultor activo e o da actividade agraria. Doutra banda, rexeitase a converxencia dos pagos ligados ás superficies, que implicaría unha redución das achegas, entre elas do pago básico. “Este aspecto é especialmente importante no caso do lácteo en Galicia, xa que segue a ser un sector moi ligado á terra”, aclarou Ángeles Vázquez. Deféndese, en cambio, un pago distributivo que incremente a axuda sobre as 30 primeiras hectáreas, para permitir a viabilidade das granxas, sen beneficiar ás grandes explotacións e así evitar a concentración de axudas.

Galicia reclama medidas para responder de forma rápida ás oscilacións nos prezos dos produtos agrarios e dos factores produtivos como pensos e enerxía para que agricultores poidan manter as súas rendas ante estas continxencias. Tamén que o sector forme parte da cadea alimentaria. “Non podemos permitir abusos do mercado co elo máis débil da cadea”, indicou a conselleira.

Así mesmo, dende a Xunta considerase necesario apoiar a incorporación dos mozos á actividade agraria. “Neste punto é especialmente importante o apoio á creación de sociedades nas que se incorporen os agricultores novos, dunha forma menos restritiva que a que define actualmente a normativa”, declarou Vázquez.

A conselleira do Medio Rural quixo agradecer ao ministerio a organización deste evento que permitiu ás comunidades autónomas dar a coñecer a situación particular de cada unha e mostrar a súa postura. Admitiu que as negociacións futuras poden ser difíciles, por iso, apelou á xenerosidade por parte de todos os implicados.