Ángeles Vázquez insiste en cualificar como “terrorista” a acción delituosa dos incendiarios porque “atacan o patrimonio e a vida”

A conselleira do Medio Rural lembrou no Parlamento que na última vaga de lumes déronse unhas condicións meteorolóxicas extremas, con fortes ventos, altas temperaturas e moi baixa humidade, pero o certo é que “Galicia sufriu un ataque incendiario desaforado e sen precedentes”
Por o 05/12/2017 | Sección: Xunta de Galicia
Ángeles Vázquez insiste en cualificar como “terrorista” a acción delituosa dos incendiarios porque “atacan o patrimonio e a vida”

“As accións dos incendiarios, atacando indiscriminadamente a todo e a todos, ao patrimonio e ás vidas –mesmo acabando con elas– son accións propias de terroristas e como tal deberían ser tomadas por todos”. Así o afirmou esta tarde no Parlamento a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, en resposta a unha pregunta sobre este tema. Engadiu que “esas accións indiscriminadas son terroristas, xa sexan feitas de forma individual, en grupo, coordinadas ou non”.

Con estes argumentos, a conselleira reafirmou a postura da Xunta de non dubidar en considerar terroristas aos incendiarios porque, dixo, “actúan contra o medio ambiente, flora e fauna, e tamén contra as vidas das persoas”. Amosou tamén a súa sorpresa porque na oposición “teñan tantos reparos en recoñecer a intencionalidade dos lumes que vimos de vivir e que rexeiten falar do terrorismo incendiario”. Pero reiterou que o Goberno galego nunca falou de tramas.

Ataque incendiario

Na mesma liña, a conselleira lembrou que na última vaga de lumes déronse unhas condicións meteorolóxicas extremas, con fortes ventos, altas temperaturas e moi baixa humidade, pero a partir de aí, engadiu, “Galicia sufriu un ataque incendiario desaforado e sen precedentes”.

Para reforzar esta argumentación, recordou tamén diferentes datos que ilustran a actividade incendiaria deses días, tales como o inicio de 131 lumes o pasado 15 de outubro, fronte os 51 que se rexistraron o 21 de agosto, día de maior actividade incendiaria do verán. E tamén a acción delituosa en horas nocturnas, co inicio de 46 lumes entre as 19:30 horas do sábado e as 08:00 horas do domingo. E o rexistro doutros 88 incendios no mesmo horario do domingo ao luns.

A titular de Medio Rural lembrou, ademais, diferentes declaracións de membros do goberno bipartito no ano 2006 que ían nos mesmos termos de denunciar unha actividade incendiaria cualificada daquela como propia de terrorismo e indicou que coincide plenamente con algunhas destas afirmacións. Tamén citou verbas de diversos responsables policiais e xudiciais que na actualidade van neste mesmo sentido, ao afirmar que “é evidente que hai unha certa organización” na causa dos lumes ou que “é moi difícil que unha soa persoa poida facer isto”.

Declaración institucional

A conselleira fixo referencia tamén á declaración institucional conxunta realizada onte mesmo por Asturias, Castela-León e Galicia, na que se acorda establecer liñas de actuación conxuntas para unha mellor coordinación na loita contra os incendios. Neste sentido, apóstase polas actividades de formación e perfeccionamento para xuíces, maxistrados e fiscais, así como por afondar na investigación dos lumes en contacto estreito coa Fiscalía e a Garda Civil, para erradicar a impunidade coa que actúan os incendiarios nas condicións actuais.

Neste documento avógase ademais por reforzar a colaboración das administracións autonómicas coa Fiscalía de Medio Ambiente, axilizando a comunicación e o intercambio de información e achega de probas entre os distintos órganos e institucións, xunto ao intercambio de experiencias profesionais polas partes. Neste contexto, Ángeles Vázquez rematou a súa intervención aseverando que “Galicia está farta dos incendiarios e estes pagarán polo que fixeron”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.