Ángeles Vázquez recoñece o papel dos colleiteiros do Ribeiro na defensa do seu viño e do sector vitivinícola galego en xeral

A conselleira do Medio Rural agradeceu o galardón que lle fixo entrega este colectivo polo seu labor institucional
Publicado por o día 07/09/2018 na sección de Alimentación

Ángeles Vázquez recoñece o papel dos colleiteiros do Ribeiro na defensa do seu viño e do sector vitivinícola galego en xeral

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, fixo onte un recoñecemento aos colleiteiros do Ribeiro pola súa contribución á defensa do viño desta denominación de orixe en particular e de Galicia en xeral. A titular de Medio Rural presidiu o acto de celebración do vixésimo aniversario da Asociación de Colleiteiros do Ribeiro, na que se entregaron diferentes premios a membros deste colectivo, empresas e responsables públicos en recoñecemento ao seu labor a prol da cultura vitivinícola.

Ángeles Vázquez foi, precisamente, unha das galardoadas nesta gala. Agradeceu a distinción e puxo en valor o papel dos colleiteiros, que definiu como “punto de partida da cadea de valor do noso viño”. Indicou ademais que en Galicia “temos o mellor produto, a mellor uva”, que se potencia cunha terra fértil e unha climatoloxía “case sempre amable”. A conselleira destacou tamén o avance na internacionalización rexistrado polo sector galego en xeral e de maneira particular por esta denominación de orixe, vinculando este éxito co traballo dos máis de 5.752 viticultores da comarca e das súas 114 adegas, co apoio do Consello Regulador.

Director do Igape

No acto, a Asociación de Colleiteiros e Embotelladores do Ribeiro entregou ao director do Igape, Juan Cividanes, o premio á Colaboración Institucional co que recoñece a “gran labor do Instituto no apoio” aos proxectos de mellora das empresas vitivinícolas da comarca, ao mesmo tempo que agradece o traballo do seu persoal no deseño e execución dos instrumentos de axuda que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición das pemes do sector.

Ademais de agradecer o recoñecemento, Cividanes salientou o gran esforzo que as compañías vitivinícolas galegas están a realizar para mellorar a súa competitividade, e que nos últimos anos se está a traducir nun incremento das exportacións dos viños elaborados en Galicia. Así, desde 2015, as vendas do sector no exterior incrementáronse case un 18,8%, acadando en 2017 os 50,4 millóns de euros, a mellor cifra rexistrada desde 2013, ano no que o volume de vendas foi de 45,5 millóns de euros.