Ángeles Vázquez salienta a importancia da promoción dos produtos galegos no exterior para ampliar mercados

A conselleira aproveitou a súa presenza en Biofach para manter unha reunión con representantes do ministerio e analizar o peso da comunidade no sector ecolóxico
Publicado por o día 17/02/2018 na sección de Xunta de Galicia

Ángeles Vázquez salienta a importancia da promoción dos produtos galegos no exterior para ampliar mercados

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, fixo balance da presenza de Galicia na feira de ecoloxía máis importante, Biofach, en Núremberg, e resaltou os bos resultados desde tipo de eventos na busca de novos clientes no mercado exterior. Segundo trasladou a responsable da Xunta, este obxectivo é sempre importante pero moito máis nun sector como este que ten unha grande demanda no estranxeiro. De feito, na facturación das empresas de produción ecolóxica galega hai unha porcentaxe destacada derivada das exportacións.

A Consellería aproveitou a súa presenza na cidade Alemaña para manter un encontro coa delegación do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, presente en Biofach e así analizar o peso de Galicia no sector a nivel estatal. España é o primeiro país da Unión Europea e o cuarto do mundo en superficie bio e dentro do estado Galicia ten os primeiros postos en moitos ámbitos como o do leite, no que é líder ao producir 7.900 quilos de leite cru e 829.000 quilos de iogur nun ano. Ademais, a nosa é a segunda comunidade en produción de carne de aves de curral para carne e produce ata 12,5 millóns de ovos, o que supón o 26% do total de España. Tamén obtemos o segundo posto en apicultura con 42 explotacións ecolóxicas.

Tras este encontro Ángeles Vázquez salientou o camiño iniciado por Galicia no ano 1997 e que non deixo de mellorar ata hoxe grazas aos emprededores que se suman cada ano a este novo mercado cada vez máis demandando.

Na viaxe a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría , Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e polo presidente do centro galego en Núremberg, Gerardo Arias. Neste sentido, a titular de Medio Rural destacou tamén a importancia da promoción dos produtos galegos que realizan desde estas institucións no estranxeiro. De feito, nesta cidade alemá celebran unha festa do cocido o 10 de marzo e unha feira do polbo que chega a reunir unhas 4.000 persoas para desgustar un dos manxares polo que somos coñecidos fóra das nosas fronteiras.

Dende a Consellería do Medio Rural agradécese o traballo das empresas presentes en Boifach (Mieles Anta, Orballo, Coren, Producto de Aldea, Bio Factory, Hifas da Terra, Galletas Mariñeiras Daveiga, Porto-Muíños, Conservas Orbe, Connorsa e Pasteurizados Cíes) e do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega) que exerceu de coorganizador.