Animalistas critican o uso dun carrusel con équidos en Mos

As Festas de San Cosme de Cela inclúen unha actividade lesiva con animais vivos
Publicado por o día 14/10/2018 na sección de Galicia,Mos,Social

Animalistas critican o uso dun carrusel con équidos en Mos

A Asociación Animalista Libera pediu ao Concello de Mos e aos promotores das festas de San Cosme, na parroquia de Cela, que prescindan durante os próximos domingos do carrusel con ponies que se instalou a pasada semana e que supón unha actividade tremendamente lesiva para os animais.

Os animalistas fanse eco do informe elaborado por AVATMA, unha organización estatal composta por centos de veterinarios que alerta sobre as consecuencias físicas e emocionais que leva a explotación de équidos en carruseis ou tiovivos como o fotografado en Cela o pasado 7 de Outubro.

No documento fálase das alteracións que provocan nos équidos a contorna, sometido ao bulicio da festividade, os horarios ou a alimentación que reciben os animais durante o seu mal chamada “xornada laboral”, así como o resultado dunha equitación continuada de persoas, onde os animais sofren unha ancoraxe fixa que impide parte dos seus movementos naturais durante varias horas.

LIBERA! tamén sinala que un carrusel con animais vivos é de todo menos educativo, transmitindo a idea aos nenos e nenas de que estes seres son equiparables a un xoguete, sen necesidades básicas nin comportamentos que satisfacer xerando unha imaxe irreal, máis próxima a unha atracción que a un animal.

Neste sentido os defensores dos animais lembran que o Concello de Mos declarouse en 2016 contrario ao uso de animais en circos, tanto silvestres como domésticos, e que este tipo de actividades pouco axudan a cumprir o contido literal da moción aprobada naquel momento.