Animalistas poñen deberes a Caballero para a nova Lexislatura

Colectivos en defensa dos animais advirten temas pendentes desde hai anos
Publicado por o día 29/05/2019 na sección de Galicia,Vigo

Animalistas poñen deberes a Caballero para a nova Lexislatura

Tres días despois da reforzada vitoria do PSOE no Concello de Vigo, colectivos en defensa dos animais como a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber puxeron ‘deberes’ ao candidato socialista e actual rexedor, Abel Caballero, para construír un Vigo máis amable cos animais.
 
Os animalistas toman a palabra ao alcalde, lembrando as súas manifestacións acerca da catividade de animais no parque zoológico olívico e pediron comezar a dar pasos para abordar a transformación das instalacións nun Centro Educativo e de Recuperación de Fauna, como empezou a cidade de Barcelona ou como o ecoparque de Mendoza, en Arxentina.
 
De forma paralela piden traballar sobre un programa de xestión de colonias felinas que inclúa colaboración con voluntariado e ONG, asumindo que os gatos ferales deben ser, ademais de esterilizados, controlados veterinariamente e alimentados, tamén con sinalización de advertencia dos núcleos felinos para evitar envelenamentos e actos de malos tratos. Medidas similares ás que se desenvolven na Coruña, Santiago ou Zaragoza.
 
A pesar de que a Lei de Benestar Animal de Galicia suma case 18 meses en vigor, o Concello de Vigo non traballou sobre a súa propia norma adaptada en todo este tempo, polo que FFW e LIBERA! ofrecen a súa experiencia para elaborar unha Ordenanza de Protección Animal e Convivencia que blinde, por exemplo, o fin dos espectáculos con animais.
 
Neste sentido a Ordenanza podería incluír o desenvolvemento ordenado de zonas de esparexemento a través de horario, isto é, escollendo espazos públicos que durante varias horas permitan convivir e xogar cos animais sen necesidade de estar atados.
 
O municipio vigués non foi prolífico no desenvolvemento de actuacións de sensibilización e os animalistas queren que a renovada maioría de Caballero tamén se aplique na materia, impulsando campañas para previr casos de abandono e malos tratos, así como o fomento da adopción en lugar do comercio de animais.