Unha hamburguesa de vacún estándar consome unha media de 1695 litros de auga para a súa elaboración, dependendo de onde se fabrique, como sinala na súa páxina web o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, explicando que se as vacas formasen un país “sería o terceiro en emisións de gases de efecto invernadoiro”.
Seguindo estes criterios seguramente a Universidade de Coimbra anunciou de maneira recente que eliminaría as preparacións con carne de vaca das súas cantinas nas diferentes Facultades, unha formulación que o propio Reitor defende como unha das primeiras medidas para que a institución alcance a neutralidade de emisións de carbono en 2030, como parte dunha estratexia de traballo máis ampla.
A Asociación Animalista Libera aplaudiu esta iniciativa da administración universitaria deste municipio luso e animou ás institucións académicas superiores de Galicia, como a Universidade de Vigo, a traballar sobre plans contra a crise climática que inclúan formulacións nesta liña, lembrando que a gandería intensiva é responsable da deforestación e do desprazamento de comunidades indíxenas para crear enormes extensións de pastos, como sucede na Amazonia.
Os animalistas subliñan que é necesario que as Universidades, como espazos educativos e de debate, tamén se somen ao desenvolvemento de medidas, como podería ser a redución da oferta de produtos de orixe animal, a creación de opcións 100% vexetais como xa se xeneralizou noutras institucións, como Lisboa ou Valladolid, e un exercicio de concienciación sobre os hábitos da poboación estudante.
Neste sentido LIBERA! lembra que mantén unha campaña aberta para lograr que os comedores escolares inclúan un menú 100% vexetal como posibilidade para que alumnas e alumnos veganos poidan escoller con igualdade de oportunidades e seguir cos seus compañeiros durante estes momentos, medida que xa está amparada por Lei en países como Chile, Portugal ou Reino Unido.
A iniciativa dos defensores dos animais foxe de imposicións para concienciar acerca da alimentación e o seu papel no planeta e sobre os seres vivos aos que afecta un sistema actual megaintensivo que esixe máis produción cárnica e láctea afogando aos produtos en favor dos beneficios de grandes corporacións.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.