Anova aposta por reforzar a Unidade Popular mirando para o traballo das mareas municipalistas

A organización que lidera Antón Sánchez decidiu apostar por levar a dinámica das mareas municipalistas ao suxeito galego, apostando por falar dos problemas que lle preocupan a xente e evitando dinámicas que deterioran a imaxe de En Marea.
Publicado por o día 07/04/2018 na sección de Anova,Política

Anova aposta por reforzar a Unidade Popular mirando para o traballo das mareas municipalistas

Hoxe tivo lugar no Hotel Congreso de Teo unha xuntanza ordinaria da Coordinadora Nacional de Anova. O debate estivo centrado sobre o momento actual que se está a dar no noso espazo político, para poder superar un momento no que se fai máis necesario que nunca reivindicar os consensos fundacionais de En Marea e o posterior deseño nacido da Asemblea de Vigo do 30 de xullo de 2016.

Entendemos que é necesario reforzar dinámicas que leven a que En Marea fale dos problemas da xente, e faga unha aposta de conxunto, enfrontándose ás políticas do Partido Popular. Durante os últimos días vimos como en demasiadas ocasións os enunciados que viñan do noso espazo político trataban cuestións de parte que non atende a axenda da Galicia que se move, algo que deteriora a imaxe pública do noso espazo político dentro da cidadanía galega.

Anova reforzou de novo a súa aposta polas mareas municipalistas, xa que son nos espazos locais onde se acadou unha maior participación cidadá, unha maior pluralidade, e onde se conseguiu derrotar á dereita nas eleccións municipais de 2015. Son a maior ameaza que nestes momentos ten o Partido Popular e compre activar todos os esforzos para reforzalas.

Nese sentido vemos con preocupación algunhas das dinámicas que se están a dar no noso espazo político, e traballaremos para que non sexan obstáculos para as diferentes candidaturas da Unidade Popular.

Na Coordinadora Nacional acordouse a celebración dunha Convención de representantes municipais para traballar nas liñas programáticas e organizativas de cara ás eleccións de 2019.