Anova aposta por resolver a crise de En Marea nun proceso de construción da Unidade Popular en Galiza

Este 26 de maio tivo lugar no Hotel Congreso (Montouto, Teo) unha reunión ordinaria da Coordinadora Nacional na que se debateu a situación actual de En Marea e se definiu un vieiro de superación da súa crise retomando os consensos fundacionais da Asemblea de Vigo do 30 de xullo de 2016.
Publicado por o día 26/05/2018 na sección de Anova,Política

Anova aposta por resolver a crise de En Marea nun proceso de construción da Unidade Popular en Galiza

O acontecido en En Marea nos últimos meses é un proceso de perda constante dos principios e valores cos que naceron os procesos de unidade popular en Galiza.

Nun contexto de loita social na rúa, de reivindicacións laborais, de dereitos civís; co avance da ultradereita xenófoba en Europa e no Estado español, e cun goberno galego que colabora no espolio económico, financeiro, cultural e natural do país, a  dirección de En Marea centrou as enerxías da organización en cuestións internas, menores, e alonxadas das necesidades da xente.

Cando unha organización está tan lonxe das demandas dos que a apoiaron no seu momento para ser a voz da indignación, non cumpre cos obxectivos para os que naceu.

Compre reconducir esta situación de xeito inmediato a través dun proceso colectivo aberto onde participen mareas, colectivos sociais, organizacións e persoas que aposten pola reconstrución dun espazo de unidade popular galego que debe de ser plural, mestizo, e de ruptura tal e como o consensuaron as mareas municipalistas, as organizacións políticas e as cidadás e cidadáns que participaron na súa fundación en xullo de 2016. Anova segue a teimar na construción deste espazo e acadar maiores cotas de éxito.

As mareas municipalistas son fundamentais xa que entramos na recta final cara ás vindeiras eleccións municipais; comicios que van ser decisivos para dar continuidade á Unidade Popular consolidando aos gobernos rebeldes das mareas que son os principais referentes da nosa alternativa ás políticas do Partido Popular. Para acadar este obxectivo, as mareas municipalistas deben manter a súa autonomía política e non ser reducidas a meras agrupacións locais. Anova comprométese a defender estes espazos conquistados pola Unidade Popular de calquera intento de dirixismo esclerótico.

A actual dirección de En Marea non  representa a día de hoxe a pluralidade do conxunto do espazo e non mostra vontade de selo. Esta lousa que padecemos dende a conformación do Consello das Mareas xera disfuncións importantes e limita a capacidade de intervención política de En Marea.

A En Marea actual, debe abrir un proceso democrático de debate e renovación, que resitúe cales son os valores fundamentais do espazo e as necesidades que nel se perciben. Só achegándose novamente todos os actores pódense abordar as contradicións autoesixíndose xenerosidade e responsabilidade para a súa solución, de forma integradora e non executando un vieiro político sen capacidade de ningún tipo de rupturismo nin combate- como fai a actual dirección-, xa que do contrario estaríase limitando gravemente como alternativa de ruptura e cambio político en Galicia.

Anova entende que debemos establecer contactos e conversas cos diferentes axentes do espazo, organizacións, colectivos e mareas municipalistas, que faciliten que o conxunto das persoas poidan articular un proceso de intervención de liñas de traballo que leven  á recuperación dos valores da Unidade Popular e á superación da crise de En Marea. Resituando novamente o espazo como unha ferramenta contestataria e de ruptura co réxime actual, fomentando e contribuíndo desta forma á activación de toda loita civicopolítica, discursiva, institucional, orgánica e social para poder relazar o proxecto no contexto actual como unha ferramenta útil do pobo galego e consolidando o espazo de ruptura.