Anova aposta por volver aos consensos constituíntes de En Marea do 30 de xullo

Publicado por o día 01/07/2017 na sección de Anova,Política

Anova aposta por volver aos consensos constituíntes de En Marea do 30 de xullo

Hoxe a Coordinadora Nacional de Anova analizou o momento actual do espazo de confluencia no noso País, ratificou o seu compromiso inequívoco coa construción dun espazo de ruptura e fixou a súa posición crítica respecto da evolución actual de En Marea. Entendemos que neste momento o debate non pode centrase na conformación dos órgaos de dirección de En Marea, se non no debate político, nas liñas de actuación a desenvolver no seo da sociedade galega. O máximo órgano de decisión de Anova debateu e aprobou o seguinte documento.

Anova entende que é necesario que o espazo político da confluencia, que representa a alternativa ao Partido Popular, se reconstrúa ao redor dos consensos fundacionais da Asemblea de Vigo do 30 de xullo. Dende 2012, Anova participou en diferentes propostas políticas e organizativas para dar resposta a un proceso de radicalización da crise que multiplicou as formas de desigualdade e ao abeiro da cal se impuxeron receitas e medidas ultraliberais contrarias aos intereses da maioría social.

A normalización da crise é a normalización tamén das desigualdades. Un proceso que atravesa diferentes espazos sociais e que no político pretende construír un rexeneracionismo de conciliación, subordinado ás lóxicas do Réxime, para bloquear un proceso de ruptura democrática. Nós impugnamos ese camiño: dende a nosa fundación apostamos pola transgresión, impulsando a cooperación política entre culturas políticas da esquerda nacional de Galiza para cuestionar abertamente os marcos da cultura política herdada de 1978, definindo o horizonte estratéxico propio a constitución da República Galega.

Galiza, co traballo desinteresado de centos de persoas, foi vangarda no proceso de confluencia. Anticipou novidades que viñeron a erosionar de maneira frontal o Réxime do 78. Temos que seguir traballando nesta liña, sen esquecer que a coalición conformada polo Partido Popular e os principais poderes económicos e mediáticos do noso Pais está a traballar para que nada mude. Vivimos un momento no que é necesario reforzar o traballo abaixo, no seo da sociedade civil, para activar o proceso da rebelión cívica.

Entendemos que no Plenario do 15 de xullo non debe perder esa perspectiva estratéxica e debe recuperar o fío condutor do consensos fundacionais dos que se dotou o noso espazo político na Asemblea de Vigo do 30 de xullo no que decidimos construír, en código aberto, de abaixo a arriba, unha fórmula para superar as formas de coalición e de partido clásicos, para termos un instrumento para o desenvolvemento de políticas de ruptura e a construción dunha alternativa de goberno ao Partido Popular.