Anova asistirá como observadora a Cataluña durante a xornada do 1-O

Unha delegación de Anova, encabezada polo seu Portavoz Nacional Antón Sánchez, achegarase esta fin de semana a Barcelona para facer seguimento da xornada do 1 de outubro. Anova “quere ser testemuña do respecto que as institucións do Estado lle deben á decisión soberana dos cidadáns e cidadás de Cataluña”.
Publicado por o día 29/09/2017 na sección de Anova,Política

Anova asistirá como observadora a Cataluña durante a xornada do 1-O

Para Anova, a presenza da delegación quere contribuír “a suspensión do actual Estado de excepción que o executivo de Mariano Rajoy está impoñendo xunto coa aplicación de feito o artigo 155 da Constitución mediante a supresión de boa parte das competencias do autogoberno catalá e a utilización das forzas de seguridade para impedir a celebración do referendo”.

Anova estará presente en Cataluña para manifestar o seu apoio ao dereito a decidir do pobo catalán, “democraticamente vulnerado pola represión e a xudicialización do desacordo político” – afirman desde á organización.

A presenza solidaria de Anova “quere ser unha denuncia da aplicación sectaria da leis e da violación de dereitos fundamentais. Suspéndese o dereito de reunión, impedindo a celebración de actos en locais públicos. Entorpécese a liberdade de expresión, forzando rexistros en imprentas e redaccións de medios de comunicación. Amedréntrase os cidadáns e cidadás cun despregue desproporcionado de forzas policiais para evitar a libre expresión da súa vontade política”.

“O executivo de Mariano Rajoy alenta unha estratexia autoritaria, fomenta o medo e impón policialmente o silencio da sociedade catalá. Os conflitos políticos resólvense con máis democracia, non con autoritarismo. Retirando urnas, coartando a liberdade de expresión e información ou impedindo a participación proscríbese toda solución política e imponse un estado de excepción que supón unha inaceptable suspensión os dereitos e liberdade democráticas”.

Anova desexa que a xornada do 1 de outubro se poida desenvolver con absoluta normalidade democrática e que as institucións do Estado respecten a vontade política do pobo catalán. A delegación de Anova “quere ser testemuña do respecto que se debe á decisión soberana dos cidadáns e cidadás de Cataluña”.