Anova chama á participación na manifestación contra a Mina de Touro-O Pino

Antón Sánchez, Portavoz Nacional de Anova: “Facemos un chamamento á participación masiva contra o modelo do espolio”
Publicado por o día 08/06/2018 na sección de Anova,Política

Anova chama á participación na manifestación contra a Mina de Touro-O Pino

Anova-Irmandade Nacionalista apoia a manifestación convocada pola Plataforma vecinal Mina de Touro-O Pino NON e Plataforma en Defensa da Ría de Arousa do domingo día 10 de Xuño, que sairá da Alameda de Santiago de Compostela ás 12h e rematará na Praza do Obradoiro.

Este proxecto de megaminería suporía reabrir e ampliar en 2.000 hectáreas unha explotación de cobre a ceo aberto que implica a mobilización de miles de toneladas de terra e a utilización de materiais tóxicos que se filtrarían ao terreo e aos cursos de auga da mina, que de aí drenan ao río Ulla e chegarían á Ría de Arousa. Implicaría tamén a construción dunha balsa de lodos de 80 metros asentada sobre lonas de plástico.

Noutros países quen contamina paga e vese obrigado a paliar os danos e a restaurar as condicións naturais orixinarias. En Galiza a Xunta desculpa e tapa ás empresas mineiras contaminantes e evade as súas responsabilidades. O Goberno do presidente Feijóo non atende as súas responsabilidades, burla as súas propias leis e consente un réxime de ecocidio. Para Antón Sánchez: “esta é unha mobilización de país, contra o modelo do espolio. Cremos que vai ser unha mobilizqación multitudinaria, liderada polos sectores produtivos do país. A Xunta leva décadas en connivencia coa empresa, e o que pretenden é moito máis grave. Temos que desterrar o modelo que extrae a riqueza e crea pouco emprego, e só favorece ao lobby da depredación impulsado polo PPdeG”

O desleixo e pasividade en Touro cos verquidos e os recheos levan anos sendo denunciados pola veciñanza. Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente miran para outro lado e invisten en pasividade. Nada fixeron para evitar constantes verquidos contaminantes nos regatos da zona que van dar ao río Ulla. Regatos de cor laranxa e destrución de flora e fauna acuática. As denuncias de veciños foron enterradas nun labirinto burocrático de abraiante ineficacia, mentres a empresa seguía contaminando sen traba ningunha.

Por todo isto, e polo que significa para a nosa terra, saiamos masivamente o día 10 e inundemos as rúas de Santiago de Compostela de Dignidade.