Anova, co pobo soberano de Venezuela e a República Bolivariana

A oposición venezolana quere o retorno da oligarquía ao poder e liquidar as conquistas do poder popular
Publicado por o día 04/08/2017 na sección de Anova,Política

Anova, co pobo soberano de Venezuela e a República Bolivariana

A oposición venezolana non procura avances democráticos para as maiorías, o seu obxectivo é devolver o poder á oligarquía e liquidar as conquistas do poder popular en Venezuela. Aspira a restituír a orde neoliberal, e non a ampliar as liberdades e dereitos sociais. Na dereita venezolana actualmente non hai vontade ningunha de diálogo político e toda a súa estratexia está subordinada a desestabilizar o país, multiplicar o malestar cidadán e crear un estado de excepción que permita un golpe pola forza para derrocar o goberno e a constitución bolivariana. Non dan vida ao soño de Bolívar, senón ao seu peor pesadelo: a liquidación das liberdades e do poder democrático do pobo.

Esta insurrección da oligarquía recorre abertamente á violencia e á sabotaxe, e recibe o aplauso e alento do goberno dos Estados Unidos, da Unión Europea e do Estado español para deslexitimar eleccións limpas segundo a comunidade e observadores internacionais reiteradamente, ou o recente resultado do referendo sobre a Constituínte.

Contan cos mesmos apoios das forzas e corporacións multinacionais que, noutrora, inzaron Latinoamérica de ditaduras militares e gobernos fascistas. Os seus desmandos están santificados pola mesma doutrina imperialista que xustificou a intervención contra Cuba, o golpe militar contra Salvador Allende en Chile, a guerra de baixa intensidade contra a Revolución Sandinista en Nicaragua ou o derrocamento do goberno de Zelaya en Honduras, por poñer algún exemplo.

Esta oposición, concentrada nos barrios ricos dalgunhas cidades venezolanas, comezou xa dende fai tempo unha estratexia de boicot á normalidade institucional que non conseguiu sacar froitos electorais. Denunciouse reiteradamente a falta de transparencia e liberdade de expresión aínda coa cantidade de observadores internacionais recoñecidos que supervisaron este e outros procesos na República. Ante a falta de soporte social, o boicot transformouse en violencia organizada e esta en terrorismo aberto nos meses previos ao 30 de Xullo. O obxectivo: sinalar que o Goberno de Nicolás Maduro é o único culpábel dunha suposta situación de desgoberno contra o seu propio pobo, e que a votación á Asemblea Nacional era un exercicio de autoritarismo que era necesario facer fracasar.

A súa estratexia de desestabilización básease na mentira e na gran manipulación informativa. É auténtica propaganda de guerra que fai uso do mesmo manual “xornalístico” co que se xustificou a invasión en Iraq para atopar armas de destrución masiva imaxinarias. Conta co enorme poder de difusión dos principais medios de comunicación e axencias de noticias do mundo que agora fan loanzas da violencia dos supostos «loitadores pola liberdade» ao tempo que en Europa e América criminalizan e reprimen calquera manifestación de disidencia democrática.

O imperio mediático da mentira silencia os actos de terrorismo e barbarie da oposición e o seu importante número de vítimas inocentes, desautoriza toda acción do goberno bolivariano e nega os logros das súas políticas, internacionalmente recoñecidos, en favor das clases máis desfavorecidas. O imperio mediático amplifica e prioriza Venezuela como se fora o único problema mundial.

As campañas propagandísticas da dereita aspiran a impoñernos a bondade dunha intervención de forza contra a República Bolivariana e o retorno das elites extractivas ao palacio de Miraflores que lle permitan, novamente, o control sobre os xigantescos recursos petrolíferos e mineiros de Venezuela, e desmantele os programas sociais e os avances políticos e sociais que se lograron nos últimos 15 anos.

Os aliados da contrarrevolución venezolana queren, antes que nada, anestesiar a consciencia crítica dos cidadáns e cidadás en Europa e América, e facer impracticable a solidariedade internacionalista mailo respecto á lexitimidade e legalidade vixente naquel país soberano.

O escenario venezolano é a expresión máis prístina da loita de clases e da teima pola autodeterminación nacional. Da confrontación entre oligarquías propias e alleas contra unha alternativa ao capital autoorganizada en forma de poder popular. Ante iso, Anova recoñécese, sen peros, aliada da independencia venezolana, da súa soberanía nacional e, coma non podía ser doutra forma, da unidade popular revolucionaria. Porque nós somos, como a revolución bolivariana é, antiimperialistas.

Anova, polo tanto, non fai parte dos consensos obrigados que os medios de comunicación de masas e as forzas políticas da reacción fan para presentar como unha loita pola democracia o que é un convite ao retorno de Venezuela á economía do espolio, a privatización e a desigualdade, e á institucionalización dun goberno autoritario da oligarquía. Anova fai fachendosamente parte da solidariedade internacionalista coa República Bolivariana e co pobo que avanzou nestes anos e deixou de ser paria, chegando a ser cidadá.

Una respuesta para "Anova, co pobo soberano de Venezuela e a República Bolivariana"

  1. Gamela   05/08/2017 at 11:42

    Igual sí, igual non… o que non se comprende é como os partidos que conforman En Marea non foron quen de celebrar xuntos o Día de Galicia e pola contra manteñen unha UNANIMIDADE estreita no tema de Venezuela !

    Primeiro a senadora Vanessa Angustia (elixida en Pontevedra!) viaxa a Caracas a certificar o proceso do referendum… logo o BNG lanza a súa clásica consigna do “nacionalismo internacionalista” de Paco Rodríguez (UPG) e agora tamén Anova fai a mesma análise do tema!

    Supoño que tamén Podemos Galicia (o único que falta) dará algunha explicación sobre os importantes avances democráticos do pobo venezolano…?

    O caso é que mentras tanto a Vicepresidenta do Parlamento galego, Eva Solla, e a desaparecida Secretaria de Podemos Galicia, Carmen Santos, BLOQUEAN as contas da cidadanía galega… (sen falar da Marea de Vigo que xa aburren!)

    Ás veces deberamos considerar ata que punto somos quen de apoiar políticas alleas mentres na casa facemos xustamente o contrario! Agás que o que suscribe sexa tamén considerado membro da oligarquía extractiva (?) cousa que sen dúbida tería moita gracia…!!!

    Mal negocio é que cando as cousas na casa van pa o carallo, adiquemos páxinas enteiras aos asuntos exteriores… (o mesmo que fai EE.UU. cando non queren darlle cobertura médica aos pobres daquel país… falan do Daesh ou matan dúas veces a Bin Laden sen mostrar siquera o corpo do defunto…!)

    Menos CARACAS e máis Galicia !!!