Anova, comprometida co cambio político, o intento de rexeneración democrática e a Moción de Censura ao goberno corrupto

Publicado por o día 14/06/2017 na sección de Anova,Política,Vigo

Anova, comprometida co cambio político, o intento de rexeneración democrática e a Moción de Censura ao goberno corrupto

Ao longo do día de onte e hoxe celebrouse no Congreso dos Deputados en Madrid o debate sobre a Moción de Censura presentada polo Grupo Confederal de Unidos Podemos-En Comú-En Marea ao goberno corrupto de Mariano Rajoy. Unha iniciativa destinada a non prosperar debido á indefinición dun Partido Socialista Obreiro Español que continúa sen rumbo certo no escenario da política de ámbito estatal logo da re-elección do seu Secretario Xeral, Pedro Sánchez.

No debate debulláronse dous proxectos claramente diferenciados: un asentado no cambio político e o intento de democratización das institucións do Estado. Outro, entalado na corrupción e o baleiramento político das “institucións democráticas”.

O Grupo Confederal de Unidos Podemos-En Comú-En Marea impulsa a moción censura como vía para intentar promover unha rexeneración profunda do sistema político vixente, que se atopa nun estado de podremia alarmante, onde a meirande parte das institucións se atopan involucradas dun ou doutro xeito en casos de corrupción empresarial e política. A arquitectura xeral do réxime do 78 atópase definitivamente comesta pola couza, e isto pon en grave risco o pacto social, polas implicacións que ten. Desde a Monarquía a parte do Poder Xudicial, ata os vasos comunicantes existentes entre o alto empresariado español e un poder público patrimonializado polas elites dos partidos do bipartidismo turnista, pasando por un sistema dunha boa parte de medios de comunicación que, cada día máis, dan mostras dunha clara tendencia partidista podemos afirmar que o modelo actual supura fortes síntomas de esgotamento.

Noutras realidades políticas da contorna da Europa do século XXI non habería goberno que resistise tal cantidade de casos de corrupción, a utilización privada dos bens públicos ou tal instrumentalización partidaria das institucións. En ninguna democracia real é aceptable semellante cúmulo de aldraxes aos cidadáns do común. Estamos ante unha verdadeira política de ocultación sistemática que nos fai pensar nunha planificada estratexia co fin de acadar a impunidade total e un sistema onde uns poucos poidan dispoñer, sen problemas nen límites, dos bens da maioría.

A corrupción custa aos cidadáns do Estado español actualmente miles de millóns de euros anuais mentres vemos como se recurtan dereitos e liberdades e medran as desigualdades. A mal chamada “crise económica”, que o goberno afirma ter xa superada, e a corrupción como forma institucionalizada de goberno e mecanismo de construción da hexemonia conservadora, son caras dunha mesma moeda que multiplica a desconfianza no poder público e acrecenta unha fenda entre gobernantes e gobernados.

Da outra banda, desde a bancada do Partido Popular, coa complicidade do bloque de dereitas, vimos unha auténtica fuxida cara adiante: a negación dos graves problemas sociais persistentes xunto á negación da gravidade da situación actual das institucións acompañouse dun escrutinio á oposición que aspira a ser alternativa. O goberno da corrupción facendo oposición á oposición democrática. O Partido Popular, cualificado polos xuíces coma unha “organización criminal”, completamente instalado no cinismo e no insulto á cidadanía.

Fronte á compracencia dos que se contentan coa derrota da moción de censura no Congreso, está a realidade que evidencia que nas rúas e prazas o descrédito do Partido Popular vai a máis e que a necesidade de apartalo do exercício do poder é unha esixencia básica da revitalización democrática do Estado.

Anova está, e estará sempre, cos intentos de democratización e a defensa dos intereses das clases populares co horizonte posto na re-configuración dun novo marco de convivencia entre pobos e o inicio dun novo tempo que veña marcado pola apertura de procesos constituíntes nas nacións do Estado español.