Anova convoca a súa Conferencia Política o 17 de febreiro en Teo para debater sobre o impulso e reforzamento das mareas municipalistas

Publicado por o día 19/01/2018 na sección de Anova,Política

Anova convoca a súa Conferencia Política o 17 de febreiro en Teo para debater sobre o impulso e reforzamento das mareas municipalistas

Anova – Irmandade Nacionalista convocará unha Conferencia Política que se celebrará o vindeiro sábado 17 de febreiro en Teo (A Coruña). A xornada de debate centrarase no traballo político a desenvolver para reforzar a soberanía política das mareas municipalistas e impulsar a estratexia de Unidade Popular no horizonte de 2019.

Desde o pasado mes de decembro, a organización liderada por Antón Sánchez celebrou Xeiras nas principais cidades do país, como punto de encontro da súa militancia e da cidadanía activa organizada nos movementos sociais, para facer unha análise compartida sobre a deriva autoritaria que vive o Estado español e debater sobre os proxectos de confluencia política nas que participa.

A Conferencia Política de febreiro avaliará globalmente o momento político e a axenda do cambio que impulsamos coas mareas municipalistas e os gobernos de Unidade Popular nos concellos galegos. Ao tempo, debaterase sobre as actuacións necesarias para reforzar organizativamente as mareas municipais e ampliar a súa influencia política e social como ferramenta estratéxica para desaloxar ao Partido Popular dos gobernos municipais e abrilos á participación da cidadanía como suxeitos de políticas de cambio político, social e económico no ámbito local.

Nos vindeiros días daranse a coñecer máis datos en relación á organización da Conferencia e a orde do día dos seus debates.