Anova decide facer un chamamento á Fronte Ampla contra o auxe da ultradereita

Nos vindeiros días reuniremos ás nosas asembleas territoriais para socializar este debate
Por o 25/02/2019 | Sección: Anova,Política
Anova decide facer un chamamento á Fronte  Ampla contra o auxe da ultradereita
Compartir en:

Nestes momentos a normalización da crise do Réxime do 78 pasa pola conformación dun bloque reaccionario no que, como xa aconteceu en Andalucía, Partido Popular e Ciudadanos non dubidarán en sumar os seus escanos cos da ultradereita. Estase a ensaiar unha saída autoritaria á crise política do Réxime do 78.

Esta ameaza pretende recortar liberdades e dereitos sociais e nacionais gañados en décadas de loita e impoñer un 155 permanente que consistirá nun proceso recentralizador do Estado español que reducirá o xa limitado autogoberno, e no que se abre un horizonte escuro no que a tríade reaccionara non descarta mesmo a ilegalización de partidos políticos. Esta situación debe facernos colocar a axenda social na centralidade do debate político e denunciar que a democracia está en perigo.

Por iso estas eleccións xerais van ser decisivas. Fronte á alianza reaccionaria debemos reactivar a potencia social e electoral do espazo político que emanou do campo sementado do 15-M e que tivo en Galicia con AGE a súa primeira tradución política. A opción é cambio político rupturista ou deriva reaccionaria, é dicir, ampliar ou recortar dereitos sociais e liberdades democráticas. Este é o debates que debemos situar antes da cita electoral do 28-A.

Anova decide manter a aposta estratéxica que defende dende a súa fundación. Nacemos en 2012 como unha constelación de asembleas territoriais e como un espazo de encontro de culturas políticas diferentes, que nun momento histórico caracterizado pola dureza da crise económica decidimos construír consensos e liñas de actuación comúns para blindar os dereitos e o benestar das maiorías. Esa aposta estratéxica tivo diferentes concrecións tácticas en función de diferentes momentos do proceso, buscando fórmulas flexibles que en ningún caso supuxeron mudar de rumbo.

Por iso neste intre Anova segue a apostar pola unidade entre diferentes, sempre que compartamos un mínimo común denominador, a nosa aposta pola ruptura democrática no Estado español, a defensa das clases subalternas, o recoñecemento de Galicia como nación con dereito a decidir. Nun contexto político e histórico no que vemos como Atila cabalga de novo debemos sumar, sen sectarismos, con contundencia e sen concesións ao conformismo e á renuncia.

O sábado a Coordinadora Nacional decide apostar pola Fronte Ampla, dándolle continuidade ao traballo realizado con AGE, coas mareas municipalistas, co Acordo de Mazarelos e coa Asemblea de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.