Anova denuncia a actuación desleal da Xunta de Galicia ao redor da cuestión do Porto da Coruña e defende a posición do goberno de Xulio Ferreiro

Estamos diante dun acto de precampaña electoral no que a Xunta de Galicia pon a candidatura de Beatriz Mato diante dos intereses da Coruña. O protocolo exclúe ao Concello, quen ten as competencias en materia urbanística e quen debe definir o futuro dese espazo.
Por o 20/04/2018 | Sección: Anova,Galicia,Política,Santiago
Compartir en:

Anova denuncia o uso partidista da Xunta de Galicia na operación do Porto da Coruña, operación que exclúe ao goberno local e á cidadanía da definición do futuro do litoral coruñés, co único fin de facerlle a campaña electoral a Beatriz Mato.

O ministro de Fomento Íñigo de la Serna e o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo asinaron un protocolo ás costas da cidade, excluíndo do mesmo ao goberno local, quen ten as competencias en materia de urbanismo. Este elemento de deslealdade institucional tan só pode entenderse tendo presente o calendario electoral, xa que Xunta de Galicia faise co 51% duns terreos sobre os que non ten competencias directas, para ter dereito a bloqueo neses terreos.

Este protocolo pretende frear un proceso participativo impulsado dende o Concello, xa que saben que coa activación da xente non poden acadar os seus obxectivos. Lembremos que mediante a mobilización cidadá conseguiuse que estes terreos fosen recoñecidos con garantía de titularidade pública, contando coa oposición do Partido Popular que pretendía poder privatizalos.

A loita cidadá e a labor do Goberno municipal fixeron que os mesmos que asinaron os convenios do pelotazo de 2004, os que votaron hai 1 ano a prol da privatización, agora recoñezan que os terreos teñen que seguir sendo de titularidade pública, o que é unha vitoria dos coruñeses e coruñesas.

Fronte á deslealdade do PP, a proposta do goberno da Marea Atlántica é a xestión a través dun Consorcio entre o Estado, a Xunta e o Concello, para definir cooperativamente e contando coa cidadanía o futuro dos terreos do Porto.

Enriba da mesa quedan dúbidas en relación o que poida acontecer coa zona de San Diego, que representa 377.057 metros cadrados. O protocolo asinado pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento segue deixando aberta a porta á edificación de inmobles de até nove alturas.

O litoral non é un pastel para trocear, polo que deben definirse os futuros usos dende unha visión global e que poña por diante absolutamente os usos públicos e as dotacións dos terreos.

O Partido Popular – usando os resortes da Xunta de Galicia – activa unha operación electoralista, co único obxectivo de proxectar sobre a cidade a candidatura de Beatriz Mato. A un ano das eleccións a dereita engraxa toda a súa maquinaria electoral e para elo vale todo, mesmo ir en contra dos intereses da veciñanza e da cidade da Coruña.