Anova denuncia un “Estado de excepción non declarado”

Esta mañá compareceron en rolda de prensa Gladys Afonso, Xosé Manuel Beiras e o Portavoz Nacional Antón Sánchez, para trasladar á opinión pública a súa preocupación diante das últimas decisións políticas tomadas polo executivo de Mariano Rajoy e os diferentes poderes do Estado en relación ao 1-O.
Publicado por o día 14/09/2017 na sección de Anova,Política

Anova denuncia un “Estado de excepción non declarado”

“Non podemos entender como en pleno século XXI o Estado español actúa contra imprentas, redaccións de xornais e medios de comunicación públicos, como pretende prohibir actos por facer “apoloxía do referendo”, como clausura unha páxina web, ou mesmo como manda a declarar a máis de 700 alcaldes e alcaldesas de Cataluña co obxectivo de impedir que se abran os colexios electorais e se poñan urnas. “Os golpistas non utilizan urnas, prohíbenas”, afirmou Antón Sánchez na rolda de prensa desta mañá.

Todos estes elementos supoñen na práctica a aplicación dun marco de Estado de excepción, onde dereitos e liberdades fundamentais – recollidos na propia Constitución – son na práctica abolidos: referímonos aos dereitos de reunión, expresión, opinión e conciencia. “Están en xogo os nosos dereitos fundamentais coma cidadáns, a posibilidade de converternos a todos en súbditos. Pretenden liquidar o estado moderno democrático”, afirmou Xosé Manuel Beiras.

“Todo o que toleremos facer en Cataluña será despois aplicado no conxunto do Estado español”. Así Antón Sánchez afirmou que “non se debe illar o que acontece en Cataluña coa actitude represiva do Estado español todos estes anos en moitos outros ámbitos: traballo, vivenda, Lei Mordaza.” Resulta sorprendente ver como as accións xudiciais express emprendidas polo Tribunal Constitucional e pola Fiscalía van ao ditado do que marca o goberno de Mariano Rajoy, unha maneira curiosa de entender a separación de poderes.

Antón Sánchez afirmou que “todo isto demostra que a nosa diagnose en relación ao Réxime do 78 é acertada. Estamos diante dunha saída autoritaria, que entende que non é democrático exercer o dereito de autodeterminación, pero que leva na súa lóxica a Gürtel, a Púnica e a Pokemon”

Anova anunciou que está traballando – xunto con outras entidades – na organización de actos a prol da consulta do 1-O, sendo plenamente conscientes de que tamén nos estamos a xogar os dereitos e liberdades da cidadanía galega.