Anova denuncia falta de contundencia para defender as maiorías sociais e os intereses de Galicia na proposta de orzamentos de Pedro Sánchez

Anova insta ao goberno socialista a que incorpore as demandas da «Axenda Galega do Cambio» de En Marea no Congreso e considera especialmente negativo que se reduza un 19% o investimento en Galicia
Publicado por o día 14/01/2019 na sección de Anova,Política

Anova denuncia falta de contundencia  para defender as maiorías sociais e os intereses de Galicia na proposta de orzamentos de Pedro Sánchez

Anova lamenta a falta de ambición da axenda social do goberno de Pedro Sánchez e a falta de compromiso coas demandas de Galicia. Diante do auxe da dereita extremada e da ultradereita, só apoiándose nas forzas que fixeron posible o triunfo da moción de censura  e impulsando medidas sociais avanzadas e transformadoras se poderá crear un auténtico dique de contención que impida o avance da triade PP-Ciudadanos-Vox.

A proposta de orzamentos non está aliñado con actuacións que son prioritarias para Galicia. As propostas da Axenda Galega do Cambio presentadas no Congreso por En Marea deben ser atendidas polo goberno do PSOE e instamos a que se implique na procura de acordos parlamentarios en cuestións que hoxe son absolutamente prioritarias para resolver problemas das cidadás e cidadáns galegos e soster o cambio político en Galicia e no Estado.

Precisamos medidas que melloren as condicións de vida da xente, especialmente daquelas persoas que aínda seguen a sufrir as consecuencias da crise económica. Vemos con preocupación como se desatenden as demandas dos nosos pensionistas, asumindo parte do discurso neoliberal que pretende iniciar o camiño cara á privatización dos seus dereitos. En Galicia, cunha poboación envellecida e coa xente nova emigrando, esta é unha cuestión especialmente grave que esixe un cambio radical nas políticas practicadas polos gobernos de obediencia neoliberal.

En materia de infraestruturas a maior parte do investimento volve ir un ano máis para as obras de finalización do AVE a Galicia. O resto redúcese de 187 millóns de euros, nos últimos orzamentos do Partido Popular, a 141, deixando fóra intervencións que entendemos fundamentais; por exemplo, condónase a débeda do Consorcio Valencia 2007 mais o goberno de Pedro Sánchez esquece a demanda unánime do Parlamento galego de atopar unha solución para a situación financeira insostible do Porto da Coruña. A mingua do investimento en infraestruturas debido ao remate das obras do AVE a Galicia non é razón suficiente para que os Orzamentos do Estado en Galicia non incrementen os seus investimentos para combater as desigualdades sociais e paliar déficits histórico na dotación de servizos.

Pedro Sánchez esquece que chegou á Moncloa despois dunha moción de censura na que se pretendía sinalar un punto e aparte despois dos anos de mal goberno, corrupción e recortes do Partido Popular de Mariano Rajoy. A maioría que sustenta o seu goberno é plural e diversa, polo que debe facerse efectivo un marco de diálogo que permita avanzar acordos que supoñan unha efectiva cancelación das políticas de austeridade impostas desde 2009.

Nese sentido débense de incluír na proposta orzamentaria medidas que reforcen a axenda social e que inclúan as demandas de Galicia. Ese feito será determinante para frear o avance da dereita reaccionaria que medra ao abeiro do espírito do 155 e a falta de auténticas políticas de transformación social en favor da igualdade.

O primeiro orzamento de Pedro Sánchez é pobre en termos de axenda social e moi pobre no seu compromiso con Galicia e está, lamentablemente, lastrado por moitas das carencias do derradeiro orzamento de Mariano Rajoy. Hai moita marxe de mellora na tramitación parlamentaria para corrixir a proposta de Orzamentos de 2019 e poñela ao servizo das maiorías sociais e as políticas de cambio.


Comentar noticia

Your email address will not be published.