Anova denuncia un intento do Partido Popular de moción de censura encuberta no Val do Dubra

“O PP non asumiu os resultados, os veciños demandan que se deixe traballar”.
Publicado por o día 08/09/2017 na sección de Anova,Galicia,Política,Santiago

Anova denuncia un intento do Partido Popular de moción de censura encuberta no Val do Dubra

Antonio Negreira, alcalde do Val do Dubra, e os concelleiros do goberno Óscar Blanco e Celsa Oreiro, denunciaron en rolda de prensa un novo intento de desestabilizar este goberno de cambio cando pasamos o ecuador da lexislatura. Lembremos que no primeiro ano de lexislatura o PP xa o intentou. Desta volta presentaron unha moción para retirarlle o soldo ao alcalde que se debaterá no vindeiro pleno do 22 de setembro.

Na comparecencia, informouse sobre os problemas e a situación na que se atopaba o Concello cando comezamos a gobernar. Antonio Negreira informou que “Cando en 2015 gañamos a alcaldía atopamos unha grande desorganización e abandono nos servizos administrativos e contables do Concello. Os anos do goberno do PP, e especialmente os de Ramón Varela, non foron caracterizados precisamente por un interese especial en que a institución estivese ao servizo do conxunto da veciñanza.”

Tampouco negaron os problemas que se teñen no día a día, e que están a ser solventados co esforzo sostido polo goberno da corporación nos últimos meses. Así destacou que “en canto detectamos as demoras na contabilidade do ano 16 e problemas para realizar os pagos comezamos a traballar para solucionar a situación. Nós, obviamente, somos os primeiros interesados en que o Concello funcione de forma eficiente e, por suposto, que os pequenos empresarios cos que traballamos cobren o facturado en prazos razoables.”

Posteriormente Antonio Negreira afondou neste problema: “Atopámonos cun problema herdado. De falta de recursos humanos e de moi mala xestión do PP: unha desfeita que nós comezamos a ordenar. Pese á nosa adicación nestes dous anos, boa parte del aínda o padecemos hoxe: persoal de baixa, cantidade e expedientes sen tramitar, de seguido a baixa e a renuncia da secretaria, meses con secretario acumulado, isto xunto coa baixa da contable do Concello, a única funcionaria encargada de realizar estas xestións, e problemas derivados da actual lexislación do Partido Popular, que pon moitos problemas para poder substituír a traballadores públicos” En relación á moción que presenta o PP, Antonio Negreira afirmou que “retirándome o salario non conseguirán solucionar os problemas do Concello. Máis ben todo o contrario, queren levar ao Concello de Val do Dubra ao caos. A veciñanza merécese un goberno, e se teñen os votos que articulen unha moción de censura de verdade. O PP non asumiu os resultados, os veciños demandan que se deixe traballar. E logo dentro de dous anos o pobo xulgará. Eles están en campaña electoral permanente, e non queren que se note o cambio en ningún sitio”

Anova engloba esta medida dentro da estratexia do PP, que parte dunha privatización partidaria das institucións, na que semella que vale todo á hora de recuperar alcaldías para o PP. A máis recente é Coristanco, onde vai gobernar unha persoa que só acadou unha acta nas pasadas eleccións municipais. O Partido Popular xa está en campaña electoral. Os recursos da Xunta de Galicia xa se executando non para o interese xeral e o benestar dos galegos e galegos, se non para os intereses partidarios do Partido Popular.

Nas eleccións municipais de 2015 evidenciouse un país diferente ao da maioría absoluta de Alberto Nuñez Feijoo. É por iso a prioridade do Partido Popular é destruír aos gobernos do cambio. Dentro deste taboleiro Val do Dubra é o seu seguinte obxectivo.