Anova inicia o proceso asembleario con convocatorias comarcais e locais que culminarán na IV Asemblea Nacional en outono

Ábrese así un proceso de debate no que as mulleres e homes de Anova definan o rumbo que debemos tomar nos vindeiros dous anos.
Publicado por o día 13/06/2019 na sección de Anova,Política

Anova inicia o proceso asembleario con convocatorias comarcais e locais que culminarán na IV Asemblea Nacional en outono

Anova iniciou xa o proceso de convocatoria de asembleas comarcais e locais por toda Galiza que culminarán finalmente en outono na celebración da IV Asemblea Nacional de Anova.

En liña co acordado na última Coordinadora nacional da organización, realizada o pasado 1 de xuño, ponse en marcha a maquinaria de preparación da IV Asemblea Nacional que precisa previamente de multitude de asembleas locais e comarcais como pasos necesarios que desemboquen nunha sesión plenaria que será no outono.

Na medida do posíbel e en función da compatibilización da axenda, o Portavoz Nacional, Antón Sánchez asistirá e participará en moitas destas convocatorias a fin de pilotar o proceso asembleario con traballo de primeira man.

O principal cometido de Anova é abrir a organización ao debate, á reflexión e ao diálogo construtivo, con ideas e propostas de futuro e contando coas achegas desde abaixo, partindo da participación activa da militancia como mellor fórmula de construír a dirección futura a acometer. Para iso considera “fundamental escoitar, atender e ter presente a voz da militancia se pretendemos cimentar o edificio que empezamos a construír hai una anos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.