O pasado sábado 28 de setembro a militancia de Anova que participou na nosa Conferencia Política reafirmou o compromiso da organización a prol dunha “proposta unitaria de Ruptura co Réxime que sexa capaz de recoller todo o potencial transformador, unha aposta que sexa reflexo dun suxeito político galego como espazo de toma de decisións”.
Tratábase, por tanto, de sumar partidos políticos, mareas municipalistas e axentes sociais nun actor posto a disposición do cambio político que conformase un suxeito político propio nas Cortes do Estado, cun programa social avanzado na defensa das maiorías sociais agredidas que respectase o dereito de autodeterminación. Apostabamos por dar continuidade ao espazo que abrimos en Galicia coa emerxencia de AGE, coa participación dos continxentes cidadáns organizados nas mareas municipalistas, co Pacto de Mazarelos e coa Asemblea de Vigo na que nacería a primeira En Marea.
Fixemos chegar esta proposta aos diferentes axentes interpelados e infelizmente verificamos que non houbo resposta positiva para armar unha nova Fronte Ampla. Entendemos que a competición entre diferentes opcións do espazo de ruptura divide a necesaria unidade e non se corresponde coa nosa aposta pola acumulación de forzas, motivo polo que decidimos non concorrer ás vindeiras eleccións xerais.
Seguiremos a traballar dende a cooperación nos espazos políticos e institucionais compartidos, coidando dende alí o funcionamento do proxecto común. No inmediato, traballaremos xa para conseguir que nas vindeiras eleccións autonómicas poidamos conseguir esa unidade de acción que impida revalidar ao PP o goberno do País. A situación de emerxencia social que viven as nosas clases populares merecen recuperar verdadeiras fórmulas comúns que poidan disputar todas as hexemonías.
Noticias de última hora en Vigo