Anova non concurrirá ás eleccións xerais por non darse as condicións políticas necesarias para a creación dunha Fronte Ampla.

Anova centrará os seus esforzos nas vindeiras municipais traballando no espazo de Unidade opular.
Publicado por o día 15/03/2019 na sección de Anova,Política

Anova non concurrirá ás eleccións xerais por non darse as condicións políticas necesarias para a creación dunha Fronte Ampla.

O pasado xoves 14 de marzo a Coordinadora Nacional de Anova tivo unha reunión extraordinaria para valorar as conversas políticas que mantivemos con diferentes partidos despois de que o pasado 23 de febreiro neste mesmo organismo lanzásemos unha proposta para crear unha Fronte Ampla para as eleccións xerais do 28A.

Mantivemos, por unha banda, conversas con Podemos Galicia e con Esquerda Unida,forzas coas que vimos compartindo espazo e alianzas, pero non conseguimos pechar un primeiro acordo que poder trasladar a outras forzas políticas. O BNG desbotou a oferta de diálogo e En Marea fixo outro tanto remitíndonos ao seu proceso interno de primarias.

Lamentablemente non se dan as condicións políticas para que Anova poida asinar un acordo semellante ao que deu orixe á coalición En Marea en 2016. Condicións que pasan pola imprescindible coralidade do espazo en clave de ruptura, pese a que a proximidade das eleccións municipais fixo que as mareas municipalistas non puidesen implicarse no proxecto de Fronte Ampla, cónstanos o seu esforzo por acadala e serán fundamentais para conseguir a unidade no futuro.

Con todo, seguiremos o proceso de diálogo para apoiar e impulsar candidaturas de Unidade Popular nas eleccións municipais. No inmediato, a prioridade de Anova será construír un espazo de ruptura, necesariamente plural, no maior número de concellos galegos.

Pularemos como vimos facendo dende o noso nacemento  pola unidade popular como ferramenta fundamental para conseguir os obxectivos das maiorías sociais agredidas.

Despois das eleccións municipais, Anova abrirá un período de debate e reflexión sobre a nosa estratexia política que concluirá na nosa IV Asemblea Nacional.

Comentar noticia

Your email address will not be published.