Anova pide autocrítica para “reverter a situación actual e dar continuidade á ferramenta de ruptura que debe ser En Marea”

Publicado por o día 15/07/2017 na sección de Anova,Galicia,Política

Anova pide autocrítica para “reverter a situación actual e dar continuidade á ferramenta de ruptura que debe ser En Marea”

Desde Anova queren parabenizar a todas e todos os cidadáns asistentes pola participación neste Plenario de En Marea. Miran, iso si, con inquedanza a diferenza entre as previsións e a participación final, o que suscita a reflexión de que deben seguir traballando para conseguir o compromiso activo da maioría social da que somos parte, á que sempre interpelaron e da que En Marea soamente pode ser a súa ferramenta.

O debate político non é a introdución dun “papeliño noutra caixa”

A posición crítica de ANOVA, compartida con moitas outras e outros compañeiros, non foi tratada coa posta en práctica dos princípios de democracia participativa e debate político de ideas que  darían un resultado que non fose a confrontación á que conduciu a interpretación da Mesa. O resultado dun debate político real concluiría nunha síntese común se non fose tratada unha emenda á totalidade coma unha simple emenda máis. O debate político non é unha cuestión de orde nin a introducción dun papeliño nunha caixa.

Anova continuará a construir a Unidade Popular

Alén disto, Anova seguirá contribuíndo a construír a Unidade Popular poñendo todos os seus esforzos no horizonte dun proceso que desemboque no exercicio da soberanía plena en Galiza e nos encamiñe a un proceso constituínte e una República de todas, mediante a creba con este Réxime podre.

En Marea debe voltar a ser unha ferramenta de ruptura

Para isto apelan a todos os espazos que, desde a orixe, estiveron implicados na construcción da Unidade Popular a un proceso de autocrítica e compromiso para reverter a situación actual e fortalecer e dar azos e continuidade á ferramenta de ruptura que ten que volver ser En Marea.