Anova propón unha nova Fronte Ampla para as vindeiras eleccións xerais

Publicado por o día 28/09/2019 na sección de Anova,Política

Anova  propón unha nova Fronte Ampla para as vindeiras eleccións xerais

Na Conferencia Política preasemblearia que tivo lugar hoxe en Santiago de Compostela, Anova reafirma o seu compromiso cunha aposta unitaria de ruptura co Réxime que sexa capaz de recoller todo o potencial transformador, unha aposta que sexa reflexo dun suxeito político galego como espazo de toma de decisións.

Este espazo debe  de contar con todos os actores políticos posibles como as mareas municipais e cidadanía auto-organizada, que xunto ás organizacións políticas de esquerda deben ser participes e protagonistas dun suxeito que sexa quen de estar en disposición de frear ao bloque reaccionario da dereita, ser quen de ilusionar á maioría da sociedade fronte á estratexia do Réxime bipartidista de fortalecerse nas vindeiras eleccións.

A Fronte Ampla debe concretar unha mesa de coordinación política na que deben estar representados todos os axentes do espazo de ruptura, sen exclusións, partidos políticos e mareas municipalistas na fórmula que se concrete. Esa mesa de coordinación política debe dirixir a actividade do espazo e crear mecanismos de dación de contas coa cidadanía das deputadas e deputados electos, así como a interlocución continua con outros espazos institucionais como poden ser o Parlamento Galego e os diferentes concellos do país.

Espazo que debe de estar baseado nun programa común con orientación constituínte, que defenda o dereito a decidir e a democratización do sistema económico.

Nese sentido, Anova entende que dentro dese acordo programático debemos situar:

1 | A defensa da soberanía popular da nación galega como suxeito político con dereito a decidilo todo.

2 | Compromiso activo na loita contra o cambio climático. Superación dun sistema que esgota os nosos recursos naturais e beneficio das grandes multinacionais que se enriquecen coa depredación do noso territorio.

3 | Derrogación das Reformas Laborais de PP e PSOE. Impulso dun Marco Galego de Relacións Laborais. Plan de retorno para a mocidade que tivo que emigrar como consecuencia das políticas neoliberais.

4 | Posta en marcha de políticas públicas que impidan a desindustrialización e a deslocalización de empresas en Galiza.

5 | Derrogación da reforma do artigo 135 da Constitución do 78 e recuperación da soberanía financeira da administración local.

6 | Reafirmar o noso compromiso co feminismo e a igualdade, con políticas debidamente orzamentadas.

Liñas radicais que sexan compatibles con acadar maiorías sociais suficientes para disputar a hexemonía ao bipartidismo.

É necesario recuperar os valores que levaron en Galiza ao proceso de acumulación de forzas dende 2012, e para elo é preciso a xenerosidade para incluír no proceso a toda a diversidade dun espazo onde se acorde entre iguais.

Por todo isto, ANOVA fai un chamamento a toda a esquerda política e social galega para buscar e conseguir facer unha candidatura alternativa real e unitaria. Unha Candidatura que sexa quen de gañarlle á frustración e á desmobilización.

Anova trasladará estas propostas aos diferentes axentes do espazo de ruptura en Galicia para deixar abertas as portas do acordo até o último minuto. Por nós non vai quedar que haxa unha única papeleta do espazo o vindeiro 10-N.