Anova reitera o seu apoio á causa do pobo saharaui

Por o 06/11/2017 | Sección: Anova,Galicia,Política
Anova reitera o seu apoio á causa do pobo saharaui

Unha delegación de Anova encabezada polo noso Portavoz Nacional Antón Sánchez mantivo na mañá de hoxe unha xuntanza con Saad El Mami, o novo representante representante da Delegación Saharauí para Galicia, na que estiveron tamén presentes membros de SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí).

Saad El Mami informou sobre as graves consecuencias da ocupación de Marrocos do Sahara Occidental, e dos impedimentos que se están a poñer para que diferentes observadores internacionais poidan coñecer sobre o terreo a situación do seu pobo.Soubemos así como se verifica unha sensible redución, do 40%, da axuda humanitaria que subministran diferentes ONG.

Non é menor a responsabilidade do Estado español nesta situación de desprotección, un caso que conta con diferentes resolucións das Nacións Unidas que amparan o dereito de autodeterminación no Sahara, a última nación de África onde aínda non culminou o proceso de descolonización.

Dende Anova defendemos sempre a liberdade dos pobos e o dereito de autodeterminación, polo que queremos facer público un chamamento á solidariedade activa e o apoio de todas as iniciativas que leve a cabo SOGAPS.

É preciso o compromiso político, o impulso de iniciativas diplomáticas e artellar actuación de solidariedade para paliar a grandes dificultades da poboación dos campamentos saharauís. Máis aínda diante da situación política que vive o Estado español, onde determinados axentes teñen un posicionamento contrario ao dereito a decidir dos pobos e numerosas complicidades políticas do Reino de Marrocos, ocupante ilegal dos territorios do pobo saharauí.