Anova repudia a desproporción e brutalidade policial no desaloxo do CSO Escarnio e Maldizer

“A operación policial ordenada polo Delegado do Goberno buscou conscientemente multiplicar o conflito para criminalizar ao colectivo”
Publicado por o día 01/06/2017 na sección de Anova,Galicia,Política,Santiago,Vigo

Anova repudia a desproporción e brutalidade policial no desaloxo do CSO Escarnio e Maldizer

Anova Irmandade Nacionalista repudia a brutal intervención policial para forzar o desaloxo do CSO Escarnio e Maldizer. A operación policial ordenada polo Delegado do Goberno buscou conscientemente multiplicar o conflito para criminalizar ao colectivo do CSO Escarnio e Madizer e pechar autoritariamente calquera saída dialogada sobre a ocupación e xestión do inmoble. Deliberadamente procurouse converter a Zona Vella nun campo de batalla para tapar as razóns da ocupación do inmoble como a existencia dunha política de degradación urbana programada para favorecer a especulación inmobiliaria ou as dificultades de acceso a unha vivenda de moitas mozas e mozas con traballos precarios ou sen emprego.

Autoritarismo, represión, criminalización dos movementos sociais e ausencia de diálogo ao que se suma a deslealdade coa que procedeu a Delegación do Goberno ao non comunicar ao goberno municipal a operación de desaloxo nin pedir a súa mediación para establecer un diálogo cos ocupantes. Deslealdade institucional á carón dos absoluto desprezo diante dos importantes trastornos que o seu proceder supuxo para a veciñanza e os comerciantes da zona da Algalia e Cervantes.


A inaceptable actuación da Delegación do Goberno non tiña outra intención que facer estourar un conflito, antes inexistente, cun espazo autoxestionado que non supuña ningún problema para as veciñas e veciños da zona. Estratexia que obecede ao desexo político do Partido Popular de presentar os concellos con alcaldías das mareas como municipios de desgoberno onde reina a desorde como tamén a campaña propagandística iniciada pola voceira do Partido Popular na Coruña acusando ao goberno de Marea Atlántica de facer concesión ilimitadas aos okupas.

Anova solidarízase cos movementos de socialización comunitaria

O movemento okupa, que procura dar vida a inmobles baleiros, sofreu outras operacións semellantes á vivida onte, tamén con desaloxos e pelotas de goma. Unha das máis sonada foi a da Sala Yago, que tras o seu peche foi recuperada tras a súa ocupación por parte de persoas que decidiron reabrir o espazo para acoller actividades culturais e sociais. Despois do seu desaloxo, tan celebrado polo daquela alcalde do PP Xerardo Conde Roa, o certo é que a día de hoxe o edificio segue sen ningún tipo de actividade dende 2011, estragando un espazo cultural que forma parte da memoria viva da cidade.

Anova despreza o ataque ao patrimonio

Tamén se actuou con brutalidade e desprezo contra o noso patrimonio cultural. Non ten cabida que nunha cidade declarada Patrimonio da Humanidade, na que existen políticas de protección arquitectónica para preservala, se tapien con ladrillos de formigón portas e ventás dun inmoble histórico. Actuación que incumpre de forma manifesta a normativa local, dana o Casco Vello e evidencia, unha vez máis, que o autoritarismo policial camiña da man da barbarie cultural.

Anova parabeniza ao Concello

Así mesmo parabenizamos ao goberno municipal e a Compostela Aberta polo seu posicionamento e pola súa actuación dilixente esixindo que se restaure a legalidade.