Anova solidarizase co pobo catalán e pon en valor a “súa lección de afouteza democrática o 1-O”

O Portavoz Nacional, Antón Sánchez, enfatiza “a necesidade de abrir un proceso constituínte que debe pasar polo respecto ao dereito a decidir e a democracia real”.
Publicado por o día 02/10/2017 na sección de Anova,Galicia,Política

Anova solidarizase co pobo catalán e pon en valor a “súa lección de afouteza democrática o 1-O”

Hoxe compareceron en rolda de prensa Gladys Afonso, integrante da Permanente, e Antón Sánchez, Portavoz Nacional de Anova, ambos formaron parte da delegación de Anova que participou como observadora na xornada de celebración do referendo  1-O.

Gladys Afonso comezou a súa intervención solidarizándose coas máis de 800 persoas feridas durante o día de votación. Afirmou que “as cargas lembran tempos do franquismo, levadas a cabo contra unha poboación que con alegría acudiu a votar”.  Supuxo “o exercicio práctico do dereito a decidir  por un pobo que quere ser cidadanía e non súbdito”. “Practicouse a liberdade de expresión, un dereito fundamental”. Mais, lamentou, “a resposta do estado foi a da represión e a da violencia. Pero atopáronse cun pobo que non se acovardou fronte á brutalidade e decidiu exercer os seus dereitos”.

Pola súa banda, o noso Portavoz Nacional, Antón Sanchez, sinalou na súa intervención que “defendemos o dereito de Cataluña  e de Galiza a decidir. Onte, o pobo catalán falou, e nós aplaudimos a súa decisión soberana”. Amosou a “solidariedade de Anova co pobo catalán que deu unha lección de afouteza democrática. Asistimos a unha vitoria da democracia e a unha derrota de Rajoy e do Réxime do 78.Temos dito moitas veces que o Réxime do 78 estaba morto, hoxe vemos a súa esquela nos principais xornais do mundo.”

Sánchez engadiu que “a pesar da violencia e dos atrancos, o 1-O celebrouse un referendo e iniciou a constitución da República Catalá. Non foi só unha mobilización popular duramente reprimida, que tamén, senón un referendo de autodeterminación”. Opinou que “non a pararán con represión porque o  pobo catalán demostrou que xa se está autodeterminando”.

A política de desconexión é a de Mariano Rajoy é a desconexión coa realidade democrática.

Antón Sánchez puxo de manifesto que “fracasou a operación Annubis, fracasou o recorte de dereitos e liberdades. Foi derrotado o inmobilismo. Fracasou a política dos que non queren mudar nada”. E avogou por abrir “xa un proceso constituínte” após de escoitar onte ao pobo. “O diálogo ten que basearse nesta realidade democrática e non en negala.”

Reprochou a posición negacionista de Rajoy:  “Negou a realidade cando o Prestige. Negouna durante o 11M. Negou o 15M, cando milleiros de cidadáns saíron a rúa para denunciar os déficits democráticos e a corrupción dun Réxime que non nos representa. A política de desconexión é a de Mariano Rajoy, a desconexión coa realidade democrática.”

Rematou reclamando a necesidade de “abrir un horizonte constituínte en todo o Estado que debe pasar polo respecto ao dereito a decidir e a democracia real”.