Anova valora a alianza plural e democrática fronte a dereita e a ultradereita

Para defender os intereses das maiorías sociais en Galicia é necesario construír unha ampla alianza da esquerda da nación que dispute o Goberno Galego ao Partido Popular e deteña o rearme da ultradereita.
Publicado por o día 07/01/2020 na sección de Anova,Política

Anova valora a alianza plural e democrática  fronte a dereita e a ultradereita

Anova Irmandade Nacionalista confía na unidade das forzas democráticas e progresistas diante da implantación do discurso do odio da ultradereita. Este goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos supón un cordón sanitario contra o Bloque de Colón, contra os discursos do odio contra as mulleres, as nacións e os inmigrantes pobres que procuran oportunidades no Estado español.

No ano 2020 Galicia ten a oportunidade de abrir un tempo novo. Por iso debemos ser esixentes no cumprimento e desenvolvemento da axenda galega, para demostrar que Mariano Rajoy e Núñez Feijóo non quixeron desenvolver o autogoberno nin transferir competencias a Galicia durante os sete anos nos que presidiron ao tempo os gobernos do Estado e de Galicia. Debemos deixar atrás os lexítimos intereses partidarios para establecer unha gran alianza da esquerda da nación para rematar coa década negra neoliberal de Alberto Núñez Feijóo: para que a Xunta de Galicia deixe de privatizar servizos públicos e de estar ao servizo de multinacionais que deterioran o noso medio ambiente e que destrúen alternativas de emprego no noso país. Precisamos Unidade Popular e ruptura en Galicia para termos unha alternativa ao Partido Popular e ao rearme da ultradereita.

Tamén valoramos positivamente as medidas que van na liña de reverter a axenda neoliberal dos últimos anos: referímonos ás que teñen que ver cunha política fiscal redistributiva que suba o imposto sobre sociedades e ás rendas máis altas e á derrogación da última reforma laboral.

Veñen tempos difíciles, nos que dereitos e liberdades proclamadas no actual marco xurídico-político están a ser cuestionadas por sectores cada vez máis importantes do Estado e dos principais intereses económicos e mediáticos. Fronte a esta ameaza é fundamental defender os dereitos sociais do conxunto da cidadanía e avanzar na necesaria democratización do Estado español, que debe substanciarse no diálogo político, no respecto á vontade popular e no recoñecemento dos diversos pobos do Estado como suxeitos políticos de pleno dereito.

Pese a todas as dificultades que supón o auxe da ultradereita e a súa axenda do odio, reiteramos hoxe tamén a nosa posición en relación a abrir un horizonte de ruptura democrática co Réxime do 78, a súa monarquía, e un aparato de Estado contaminado aínda de franquismo. Nese sentido a nosa aposta pasa por abrir un proceso de procesos constituíntes para que as Repúblicas abran camiño á democracia e á xustiza social.

Comentar noticia

Your email address will not be published.