Ante as declaracións de Abel Caballero respecto á “purga de auga” en Canido ao menosprezo deste a Marea de Vigo responde

Publicado por o día 20/01/2018 na sección de Marea Vigo,Política

Ante as declaracións de Abel Caballero respecto á “purga de auga” en  Canido ao menosprezo deste a Marea de Vigo responde

O grupo municipal da Marea de Vigo ante as declaración do alcalde que, lonxe de responder ou aclarar o procedemento aplicado pola concesionaria Aqualia na rede de suministro da zona de Canido, elude dar explicacións ao que está a acontecer expresándose en termos carentes do contido político que se lle presupón a un alcalde, quere manifestar o seguinte:

1.  É rigurosamente falso e exemplo de descoñecemento ou ocultación manifesta do procedemento analítico de augas para consumo humano que “purgar a rede” sexa parte do proceso normal de control da calidade e potabilidade das augas. Como calqueira técnico do corpo de inspectores farmacéuticos da Xunta de Galicia (con competencias para realizar estas medicións por parte da administración) pode aclarar, as “purgas” son accións que se realizan como medida correctiva e polo tanto froito dalgunha anomalía na rede (o termo corrección xa indica a súa orixe). No caso de Canido foi o propio alcalde o que negou a existencia de anomalías ou analíticas con parámetros fóra da normativa, polo que as purgas non poderían existir salvo que se mentise neste aspecto ou se pretendese “trampear” unha nova analítica na rede cun purgado e incorporación de reactivos previo.

2.  O purgado da rede claro que é un procedemento utilizado de xeito habitual (aínda sendo a corrección a súa motivación) mais en redes obsoletas ou sistemas de subministro de auge con problemas de potabilización, polo que estaríamos ante unha evidencia dunha grave irresponsabilidade política e de xestión dos inxentes fondos económicos que substanciaron a ampliación por 5 anos máis (de 2015 a 2020) da concesión do contrato de auga e saneamento en Vigo.

3.  O día 15 dende primeiras horas da mañá prodúcese en diversos puntos da rede de abastecemento que rodea o CEIP Ría de Vigo un evidente purgado da rede (as fotos e videos foron remitidos polo noso grupo a técnicos que realizan procesos de analítica e control, que así o ratifican) onde a Xunta de Galicia alertara de parámetros anómalos. As horas e a realidade do número de analíticas realizadas por Aqualia non poden ser contratastadas por ningún organismo público independente (algo que sistemáticamente denuncian os inspectores da Xunta ante o silencio e inacción da administración autonómica para establecer un procedemento de recollida de mostras garantista)

4.  A política seria e democrática é contrastar, ser rigorosos e defender o interese público por enriba dos intereses de concesionarias privadas por moitas prevendas que otorguen ou poder negociador que exhiban.

5.  Se non se poden obter respostas e aclaracións por parte de quen goberna e ten que garantir a seguridade nos aspectos relacionados con saúde publica serán os tribunais os que terán entón que aclarar e velar polos dereitos dos veciños e veciñas e a súa seguridade.