Ante o desmantelamento das fábricas, o comité de Ferroatlántica pide á Xunta que convoque de urxencia reunión a tres bandas

Alertan do drástico recorte da produción e esixen da empresa un plan de viabilidade
Publicado por o día 12/02/2020 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos

Ante o desmantelamento das fábricas, o comité de Ferroatlántica pide á Xunta que convoque de urxencia reunión a tres bandas

O comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas vén de solicitar da Consellaría de Economía, Emprego e Industria que convoque de urxencia unha reunión a tres bandas (empresa, comité e Administración) ante a grave situación xerada polo progresivo desmantelamento das fábricas e o recorte drástico da produción, que xa levou ao peche do forno 13.

O comité xa adiantou esta petición de maneira verbal na reunión que onte, martes, mantivo co secretario xeral de Minas, a subdirectora xeral de Relacións Laborais e o secretario xeral técnico da Consellaría e na que se volveu pór enriba da mesa a necesidade inaprazábel de esixir da nova xerencia de Ferroatlántica un plan de viabilidade para garantir os niveis de produción e o mantemento dos empregos.

A este respecto, o comité alerta que as factorías están ao 30% da súa capacidade de fabricación, mentres que a produción de electricidade está ao 100%, confirmando que o único interese de TPG-Ithaka está no negocio da enerxía e que a operación orquestrada con FerroGlobe é unha fraude. De feito, a empresa está vendendo catro veces máis enerxía da que compra para fabricar ferroaliaxes, “algo que contravén claramente as condicións das resolucións da Xunta de Galiza a respecto de que a produción hidroeléctrica debe garantir a actividade das fábricas”, sinala o presidente do comité, Alfonso Mouzo (CIG).

En canto á produción, subliña que o forno 13 estará parado durante todo 2020 e sen data concreta para o seu arranque, nin sequera no horizonte da aprobación do estatuto para as industrias electrointensivas. O resto dos fornos están sometidos a un plan de paradas diarias, entre 10 e 14 horas, “o que provoca  avarías con risco e que haxa que facer reparacións de continuo”. Ademais, a empresa ameaza con cesar tamén o forno 14, o que deixaría a este centro de traballo sen fabricación de aliaxes de manganeso.

Para o presidente do comité o único motivo que pode xustificar esta drástica redución da produción “é a grave situación económica de FerroGlobe, que lle impide, por falta de liquidez, comprar as materias primas necesarias e de calidade para unha plena produción”.

Plan de viabilidade e clarificar os termos do acordo

Neste senso, denuncia que, tal e como advertiu a representación do persoal no Plan de Viabilidade que trasladou á Xunta e á empresa antes da operación de compra, FerroGlobe dá prioridade á produción noutras fábricas, pondo en marcha fornos que tiñan parados, mentres se recorta a actividade en Cee e Dumbría. Corroborando  deste xeito que o complexo industrial da Costa da Morte funciona como subcontrata de FerroGlobe, fóra do grupo pero con dependencia absoluta das decisións da multinacional que, á espera dos posíbeis procesos de vendas, aínda segue estando en mans do Grupo Villar Mir.

Por iso, reitera Mouzo, “máis ca nunca a Xunta ten que esixirlle de inmediato a Ferroatlántica que achegue un Plan de Viabilidade como garante da actividade industrial e do mantemento dos postos de traballo, en base ao establecido nas concesións públicas das que goza esta empresa”. E de igual maneira, reivindica que se clarifiquen o contrato e os termos dos acordos entre FerroGlobe e TPG-Ithaka, pois a día de hoxe, “non se investiu nin un só euro dos 14 millóns comprometidos para as fábricas e para os que Ferroatlántica se ofreceu a Xunta ser garante do plan de inversións e do cumprimento dos compromisos industriais e da creación de emprego”.

Mais pola contra, o comité nin tan sequera ten información oficial sobre os resultados, plans de produción a medio e longo prazo, e os obxectivos da nova organización, a pesar de terllos reclamado en numerosas ocasións.

Por se non fora abondo, o comité tamén alerta do recorte nos cadros de persoal, tanto nas centrais hidroeléctricas como nas fábricas, xa que non se cobren as xubilacións, reduciuse o número de traballadores/as nas quendas e despedíronse nas últimas semanas a 18 compañeiros/as eventuais. A todo isto engádaselle o progresivo deterioro das condicións de traballo, incrementándose a precariedade e a inestabilidade laboral, agravado polo descontrol absoluto na dirección.

O comité proporá ás asembleas un calendario de mobilizacións

Neste contexto, o comité ten convocadas asembleas de traballadores e traballadoras para mañá, xoves 13 de febreiro, ás 10 horas en Brens e ás 11:30 en Dumbría, para analizar a situación das fábricas, explicar o falado na reunión coa Consellaría de Industria e propor un calendario de mobilizacións polo futuro do emprego e da actividade produtiva nas fábricas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.