Anticapitalistas Galiza considera que é necesaria unha revolución en Podemos Galicia para recuperar o impulso a favor dunha transformación social radical

Anticapitalistas Galiza ante a convocatoria de Asemblea Cidadá en Podemos Galicia
Publicado por o día 02/10/2018 na sección de Anticapitalistas Galiza,Política

Anticapitalistas Galiza considera que é necesaria unha revolución en Podemos Galicia para recuperar o impulso a favor dunha transformación social radical

Anticapitalistas Galiza leva defendendo desde o principio que Podemos tiña que ser un espazo que impulsase a construción dun bloque social amplo, para o que cómpre construír unha unidade popular baseada nas asembleas, no arraigamento territorial, en permanente conexión cos movementos populares e coas loitas da clase obreira.

Para iso, é necesario romper con inercias e revolucionar Podemos Galicia. Recomezar de novo, xerando uns tempos e ritmos que permitan debater a fondo: necesitamos un novo programa que recupere a soberanía para o pobo e que expropie o poder das grandes empresas, unha nova estrutura organizativa, un debate sobre o papel das loitas e dos conflitos. Necesitamos romper cos personalismos e a política de aparato. A estratexia de non ter proxecto e moverse a golpe de enquisas, abandonando a coherencia que ilusionou a decenas de milleiros de persoas, debilitou a Podemos, tamén en Galiza. Estamos a ver que nestes tempos de crise, só unha política firme é capaz de traducirse nun proxecto que aspire a ser maioritario: o laborismo de Corbyn ou Adelante Andalucía levantan unha esperanza nesa dirección.

É o momento de propoñer estes debates, propoñer horizontes estratéxicos transformadores máis aló dunha campaña electoral interna onde parece que se disputa o poder para que todo que siga igual. Na que parece que, a falta de proxecto, o importante é repartirse o poder.

Non temos intención de incorporarnos a listas que se moven nesa lóxica de repartición do poder ou disputa da baronía: durante estes días decidiremos cal é a mellor forma de introducir os debates estratéxicos que nos parecen fundamentais. Convidamos a todo o mundo que estea dacordo cos principios e tarefas que enunciamos a que participe nesta discusión. É o momento de pararse e repensar Podemos Galicia.