Antón Sánchez: “A estes corruptos que nos gobernan hai que metelos na planeadora de Dorado e mandalos ao libre mercado”

Publicado por o día 12/12/2015 na sección de Elecciones Generales,En Marea,Política

Antón Sánchez: “A estes corruptos que nos gobernan hai que metelos na planeadora de Dorado e mandalos ao libre mercado”

A candidatura de Pontevedra de En Marea chegou hoxe a Lalín nun acto non que se a alternativa de En Marea para lograr que o cambio chegue tamén ao Goberno do Estado o vindeiro 20 de decembro. O encargado de abrir o acto, o secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Riobóo, destacou á urxencia de garantir que a educación e a sanidade sexan públicas pero tamén que teñamos unha xustiza independente.  Unhas reivindicacións que son comúns á candidatura de En Marea. “En Marea é unha casa común en construción que expande a mensaxe de que non podemos ter medo, a resignación quedou atrás e agora toca saír á rúa e sorrir” declarou. Por iso, sinalou “compre que o 20D a marea suba o máximo posible e cantos máis deputados moito mellor para que haxa un grupo parlamentario galego”.

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lidia Senra, asegurou pola súa banda que “En Marea é unha candidatura diversa cunha forte compoñente nacionalista”. Así mesmo, fixo referencia á importancia das vindeiras eleccións xerais afirmando que “estamos nun momento de gran transcendencia para o futuro das clases populares galegas, do pequeno comercio, da xente traballadora”. “Estamos vendo dende os gobernos, dende os poderes públicos, dende os dous grandes partidos que controlan as institucións están promovendo leis para roubarnos o que nos queda á cidadanía, ás clases populares, como sonos servizos públicos e o ben común, coma a auga, a terra e as sementes” alertou a eurodeputada de AGEe. “Non podemos consentir que nos sigan gobernando os que levaron a Grecia á situación na que está” salientou.

Lidia Senra fixo referencia á situación dos homes e mulleres do cerco que levan meses acampados reivindicando un reparto xusto para o cerco cun reparto do goberno español prima ós barcos que non se autorregularon e que fixeron unha política pesqueira irresponsable. “Temos que conseguir parar esas política pesqueira” asegurou. No tocante á agricultura insistiu no “perigo actual cun goberno coma o de Rajoy que está tentando que avancen as negociacións no tratado de libre comercio da UE cos EEUU que vai contra as pequenas e medianas explotacións agrarias deste país e do mundo enteiro”. “Ás grandes multinacionais queren acabar coas denominacións de orixe que marcan a diferenza pola calidade por que lles interesa” denunciou. “E está en xogo a carne de vacun deste país” alertou. Por todo iso, é preciso que En Marea entre con forza como grupo parlamentario nas Cortes do Estado o vindeiro día 20, porque entre todos e todas “temos que paralo”.

O vicevoceiro de Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez, comezou agradecendo a presenza do alcalde de Lalín, Rafa Cuiña, “por estar malia as diferenzas”. A continuación centrou o seu discurso denunciando a acumulación de estafas da que estamos sendo vítimas. Como exemplos puxo “a que se lle está facendo ós gandeiros deste país, que fixeron todo o que se lles esixiu facer mentres os que lles mandaron investir non fixeron os seus deberes”. “Están pechando explotacións sen que os gobernos lle deran unha solución ó sector gandeiro, mentres enterraron 8 millóns de fondos públicos para darllos a dous amigos” declarou Antón Sánchez.

“A estafa aos mozos que lles mandaron estudar e agora están emigrados porque non teñen traballo na súa terra” proseguiu. “E fronte a esas sucesivas estafas hai unha solución, a acumulación de forzas dos que estamos do outro lado. Galiza é referencia no movemento dos preferentistas, dos mariñeiros que reclaman pensións dignas. Non somos un país de mansos” afirmou.

O vicevoceiro de AGE anuncou a apertura dun tempo novo coa chegada de En Marea ao goberno do Estado. “Dinnos eses grandes xestores competentes que son Feijóo e Rajoy que non temos experiencia. É certo, nin falta que fai. É tempo que veñan os que non teñen experiencia pero que saben que na sociedade temos construída unha alternativa, xente que coñece o medio rural e que ten un modelo para el. Estamos tratando con auténticos corruptos que hai que meter na planeadora de Marcial Dorado e mandalos ó libre mercado” afirmou.

“En Galiza roubáronnos a soberanía e os recursos, que están ocupados por empresas estranxeiras. Temos que acabar coa Deputacións, facer as áreas metropolitanas. Necesitamos soberanía para poder cambialo e decidilo todo. E para iso necesitamos que En Marea colla forza e chegue ata Madrid” concluíu Antón Sánchez.

A encargada de pechar o acto, a número 4 de lista por Pontevedra, Lara Rodríguez, lembrou que “o 24M para min foi unha data crucial e cando ás doce me dixeron que acabaramos con este goberno caciquil que nos tiña sometidos e puidemos celebralo, fíxome crer na diversidade de partidos”. “En Marea hai un conxunto de forzas diversas formando un proceso de masa crítica que ten credibilidade” indicou.

“Creo nun obxectivo común: cambiar o mundo. Eu son unha persoa nova e creo que en nós está o verdadeiro cambio. Detrás de En Marea hai unha ilusión e temos unha oportunidade única de darlle o poder ó pobo, que é o que máis ordena. Nós somos os verdadeiros coñecedores dos problemas da cidadanía.  As institucións deben ser unha canle entre os políticos e a cidadanía para levar a cabo proxectos que nos devolvan a dignidade que nos foi arrebatada” expuxo Lara Rodríguez.

A candidata ao Congreso por Pontevedra de En Marea concluíu afirmando: “máis alá de programas, sei que é posible unha revolución na política. Hai Marea!”

PRENSA EN MAREA