Antón Sánchez: “a expropiación de terreos aos veciños de Mos para darllos a Mouriño é un roubo que o PP pretende legalizar”

O Grupo Común da Esquerda pediu que o Parlamento se pronunciase en contra da especulación urbanística, pero o Grupo Popular votou en contra
Publicado por o día 13/11/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Antón Sánchez: “a expropiación de terreos aos veciños de Mos para darllos a Mouriño é un roubo que o PP pretende legalizar”

Esta mañá Antón Sánchez presentou unha iniciativa no Pleno do Parlamento para poñer freo ao pelotazo urbanístico que o Partido Popular pretende poñer en marcha en Mos da man do presidente do Celta de Vigo. “Quérese facer unha cidade deportiva, e con esa escusa tamén un centro comercial de 145.000 metros cadrados, e en vez de facerse en solo urbanizable, recualifícanse terreos de monte e exprópianselles aos veciños de Mos. É unha cacicada que non se sostén desde ningún punto de vista”, manifestou o voceiro do Grupo Común da Esquerda.

“Mentres unha parella de Vigo con dúas fillas, de 7 e 13 anos, que cobra a RISGA, vai ser desafiuzada sen ofrecerlle a Xunta nin o Concello de Vigo unha alternativa habitacional por parte de vivendas públicas a disposición, prepárase en Mos un pelotazo urbanístico que lembra ao peor dos anos da burbulla inmobiliaria”, relatou Antón Sánchez. “Non hai solo para facer vivenda pública para a xente que o necesita, pero axiña se lle busca acomodo a un centro comercial de 145.000 metros cadrados”, engadiu.

O Concello de Mos, gobernado pola popular Nidia Arévalo, busca facer pasar como modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal o que debera ser unha revisión completa do mesmo, porque esa modificación supón un cambio de criterio a respecto da estrutura xeral e orgánica do territorio. “A operación especulativa ao estilo marbellí agocha grandes irregularidades, pero vostedes non teñen problema en incumprir as leis que vostedes mesmos fan e modifican unha e outra vez, como neste caso a Lei do Solo de Galicia”, denunciou o deputado.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado en 2017, xustificaba que se destinaba o solo suficiente para actividades económicas e uso residencial atendendo ás necesidades da poboación; non obstante, este centro comercial duplicaría o solo urbanizable co que conta Mos. “Non se contempla a idoneidade de facer esta cidade deportiva en Mos nin a posibilidade de facela en solo urbanizable, e non se estuda tampouco o impacto paisaxístico dunha edificación de tal volume nin o efecto que podería ter no comercio local e da contorna a construción dun centro comercial destas características”, criticou o voceiro do Grupo Común da Esquerda.

“A proposta é unha expropiación aos veciños para facer un concurso a dedo, que xa se sabe de sobra que o vai gañar o señor Mouriño, amigo do Partido Popular. Polo tanto, unha fraude enorme, modificando as leis á medida de quen quere roubar á xente do común para que Mouriño se faga de ouro cos seus terreos. Isto é unha falta de respecto aos veciños de Mos”, denunciou Antón Sánchez. O deputado tamén alertou sobre a probabilidade de que este negocio supoña atentar contra a ordenación sustentable de Mos, o monte veciñal, o comercio local, a mobilidade, as augas de consumo e as propiedades dos veciños e veciñas de Mos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.