Antón Sánchez: “A palabrería oca de Feijóo non tapa a súa neglixencia no problema de As Pontes”

O deputado reuniuse esta mañá cos transportistas da Central e con Xuntos por As Pontes
Publicado por o día 05/10/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Antón Sánchez: “A palabrería oca de Feijóo non tapa a súa neglixencia no problema de As Pontes”

Antón Sánchez reuniuse esta mañá con membros da plataforma cidadá Xuntos por As Pontes e co colectivo de camioneiros da Central Térmica, que se atopan pechados no Concello esixindo solucións á súa desesperada situación ante a parálise da Central Térmica das Pontes.

“A situación vén dada pola decisión da multinacional Enel de pechar a central dun día para outro, pero sobre todo pola irresponsabilidade dos gobernos galego e español. Ambos tiñan que ter previsto un plan de transición enerxética xusto que ofrecese solucións laborais e económicas para a xente, para a comarca de Ferrolterra e para Galicia”, apuntou Antón Sánchez.

O voceiro do Grupo Común da Esquerda arremetou contra o presidente da Xunta, ao que acusou de “andar desviando a atención con palabrería oca que non tapa a súa neglixencia neste asunto”. “O señor Feijóo, ante un contexto de acordos europeos e mundiais pola descarbonización, tiña que ter elaborado xa con todos os axentes ese plan de transición enerxética”, engadiu.

O Grupo Común da Esquerda manifesta a súa preocupación polo futuro das Pontes e insta a Núñez Feijóo a que deixe de desviar a atención das súas responsabilidades no asunto. “Ten que poñerse a traballar con Endesa e co Goberno do Estado en solucións de futuro e sostibles para As Pontes, así como en solucións a curto prazo para colectivos como o dos transportistas, que están pendendo dun fío porque levan cinco meses pagando as letras dos seus investimentos sen teren ningún ingreso”, finalizou Antón Sánchez.