Antón Sánchez considera que “a cuestión catalá é unha batalla pola democracia real” e que están en perigo “os dereitos e liberdades da cidadanía galega”

O Portavoz Nacional de Anova compareceu xunto coa responsable de institucional Lara Rodríguez, concelleira en Lalín, e con Xosé Manuel Beiras. Antón Sánchez denunciou a aplicación do 155 e chamou á cidadanía a manifestarse mañá en Santiago de Compostela contra a Lei de Depredación e a xestión do lume por parte do goberno de Nuñez Feijóo.
Por o 21/10/2017 | Sección: Anova,Galicia,Política
Antón Sánchez considera que “a cuestión catalá é unha batalla pola democracia real” e que están en perigo “os dereitos e liberdades da cidadanía galega”
Compartir en:

Na mesma mañá na que Rajoy anunciaba a aplicación do 155 en Catalunya após do Consello de Ministros, Anova levou a cabo a súas Coordenadora . Comparecía en rolda de prensa Xosé Manuel Beiras, con Antón Sánchez e Lara Rodríguez.

Beiras puxo de manifesto que “o que está en xogo son os dereitos e liberdades de todos os cidadáns”. “A aplicación do 155 é un golpe de estado porque non se dan as condicións para que a aplicación dese artigo teña sentido.”

“Asistimos a un golpe de estado televisado en horario de máxima audiencia, liquidan a democracia en Catalunya”. Antón Sánchez denunciou que o Estado español e Mariano Rajoy “aplican o 155 de xeito espúreo, para rematar coa democracia en Catalunya” e que o que está acontecendo é “unha batalla pola democracia real fronte a represión e a defensa dos dereitos sociais e nacionais”

Para Anova “a aplicación do 155 supón unha barbaridade antidemocrática, fundamentada nunha lectura sectaria da Constitución, que aplica o delito de sedición a Jordi Cuixart e a Jordi Sánchez cando en realidade simplemente estaban exercendo o dereito á manifestación, que está recollido no ordenamento xurídico. Non nos confundimos cando hai semanas denunciamos un “Estado de excepción” non declarado. Hoxe Mariano Rajoy avanzou nunha liña absolutamente irresponsable: na saída autoritaria á crise política que padece o Réxime do 78”.

Para rematar, Antón Sánchez chamou a asistir masivamente á manifestación de mañá en contra da Lei de Depredación de Galiza sobre a cuestión dos lumes. “Temos un Goberno que fai nula autocrítica, que lima as súas carencias cunha campaña de publicidade e propaganda”.