Antón Sánchez: “Cunha lei de patrimonio natural como a que pretende aprobar o Partido Popular non existirían 5 dos 6 parques naturais actuais”

En Marea presenta a única emenda de devolución do arco parlamentario ao Proxecto de lei de Patrimonio Natural de Galicia por considerar que rebaixa as obrigas de conservación
Publicado por o día 13/06/2019 na sección de En Marea,Política

Antón Sánchez: “Cunha lei de patrimonio natural como a que pretende aprobar o Partido Popular non existirían 5 dos 6 parques naturais actuais”

Para o Grupo Parlamentario En Marea aLei de patrimonio natural de Galicia que o Partido Popular pretende aprobar é un instrumento que non mellora a lexislación actual e que abre vías para a desprotección dos nosos recursos naturais. “Unha mostra máis da senrazón de moitas decisións da Xunta de Galiza é a limitación imposta sin ningún tipo de explicación dunha superficie mínima de 10.000 has para a declaración de parques naturais non insulares, pois de estar en vigor esta lei nos últimos 30 anos 5 dos 6 parques naturais que hoxe están declarados e polo tanto cunha figura de protección vixente, non o serían”, sinala Antón Sánchez, referíndose ás Fragas do Eume, ó complexo dunar de Corrubedo, a serra da Enciña da Lastra, o Invernadeiro e Monte Aloia.

“Sorprende desta medida que non se argumenten os motivos e que este criterio non apareza na norma básica estatal , a lei 42/2007 do Patrimonio Natural, nin nas leis autonómicas do País Vasco, Asturias ou Castela e León”, lembra o vicevoceiro parlamentario, para quen este texto “vén a confirmar a norma habitual neste goberno, a absoluta subordinación das políticas mediambientais aos intereses empresariais sumado a unha drástica reducción do orzamentos, de ata un 70% para esta partida”.

Así, o proxecto de lei que se presenta “amosa furados que desprotexerán o patrimonio natural, como por exemplo a ambigua e pouco concreta causa de non prevalencia dos instrumentos de ordenación ambiental sobre os urbanísticos, xa que poderá ser excepcionada por Xunta e concellos por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, algo non contemplado na lexislación actual, sumado á imposibilidade de que os instrumentos de ordenación dos espazos naturais actúen en solos clasificados como urbáns”.

Asemade,  En Marea cuestiona o incumprimento reiterado da promesa de ampliar os espazos de Rede Natura 2000, que mantén a Galicia como a comunidade con menos territorio protexido, o retraso na aprobación das Directrices da Paisaxe, a ausencia dunha estratexia global de loita contra o cambio climático e a tardanza en adaptar a lei á normativa comunitaria ou estatal, vixente dende 2007. “É evidente que para o PPdG as políticas ambientais son un estorbo e non unha oportunidade de futuro para un desenvolvemento sostible do país”, denuncia Sánchez.

A creación dun Catálogo galego de especies exóticas invasoras é outra das reivindicacións de En Marea, que exporá Antón Sánchez na a defensa da emenda á totalidade durante o debate parlamentario. As asociacions ecoloxistas e ONGs de conservación da natureza presentaron máis de 600 emendas razoadas sen que se aceptase practicamente ningunha delas.

“A nova lei só busca que o urbanismo impere sobre a conservación”, conclúe Sánchez, para quen o réxime de infraccións  e sancións contemplados no novo texto fan que imcumprir a lei compense e deixa fóra cuestións fundamentais coma a protección dos humidais, o impacto dos parques eólicos e as liñas eléctricas ou a necesidade de promover  a custodia do territorio.

Comentar noticia

Your email address will not be published.