Antón Sánchez esixe á Xunta que ofreza unha alternativa habitacional á familia que vai ser desafiuzada en Vigo

“Non pode ser que na maior cidade de Galicia non teñan vivendas que proporcionar”, denunciou o voceiro
Publicado por o día 20/11/2019 na sección de Galicia,Grupo Común da Esquerda,Política,Vigo

Antón Sánchez esixe á Xunta que ofreza unha alternativa habitacional á familia que vai ser desafiuzada en Vigo

Antón Sánchez preguntou esta tarde no Parlamento á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que solución ía ofrecer a Xunta de Galicia á familia de Vigo -un pai, unha nai e dúas fillas de sete e trece anos- que vai ser desafiuzada. “Ofrecer vivendas públicas en Vila de Cruces ou na Cañiza, a 132 e 56 quilómetros de distancia respectivamente, non é unha solución. Non pode ser que na maior cidade de Galicia non teñan vivendas que proporcionar; non pode ser que Vigo, coa cantidade de desafiuzamentos que sofre, non conte cun parque público de vivenda para darlles solución, para dar opcións á mocidade que quere emanciparse e para controlar o mercado da vivenda”, denunciou.

A resposta da conselleira, Ángeles Vázquez, resultou totalmente decepcionante, xa que se limitou a eludir as súas responsabilidades e botar balóns cara ao tellado do Concello de Vigo. “Como ten tan pouca vergoña de botarlle a culpa aos demais daquilo que é a súa responsabilidade? É o seu traballo dar solucións a esa xente e que o Concello de Vigo non faga os seus deberes non é escusa para que vostede tampouco os faga. Ambos son responsables”, aseverou o voceiro do Grupo Común da Esquerda.

O deputado apuntou ás políticas de vivenda da Xunta como fonte principal da problemática: “vostedes son coñecedores de que o salario de moita xente non chega nin para os alugueres nin para as hipotecas, e de que cada vez os cidadáns teñen que destinar unha porcentaxe maior do seu salario ao pago da vivenda, pero non poñen en marcha mecanismos nin para regular prezos nin para dar alternativas habitacionais, xa que teñen paralizada a construción de vivenda pública e de protección”, manifestou. “Que van facer para mudar as súas políticas en materia de vivenda, que son un auténtico fiasco? Cando se van preocupar por estes dramas que pasan todos os días no noso país e cando van demostrar vontade por defender o dereito da xente a ter unha vivenda digna?”, preguntou finalmente.

Comentar noticia

Your email address will not be published.