Antón Sánchez: “Estamos satisfeitos por ter acadado un acordo unitario da esquerda de ruptura deste país”

Martiño Noriega irá de número 3 na lista da Coruña, Miguel Anxo Ferán Vello encabezará a candidatura de Lugo, e Iria Figueroa será a número 2 por Pontevedra.
Publicado por o día 29/02/2020 na sección de Anova,Política

Antón Sánchez: “Estamos satisfeitos por ter acadado un acordo unitario da esquerda de ruptura deste país”

Antón Sánchez compareceu hoxe despois da nosa Coordinadora Nacional para informar sobre os debates que mantivemos, centrados no acordo ao que chegou Anova e as principais mareas municipalistas do país con Galicia en Común.

Antón Sánchez valorouno como positivo para “rematar cos dez anos negros de Feijóo, para os que vai ser decisivo este acordo para a súa derrota”. Nese sentido afirmou que “Galicia precisa un cambio de rumbo inmediato e urxente, por iso imos tamén a poñer as mellores candidatas e candidatos”.

“Son garantía do que pretendemos, que non haxa só un cambio de cromos na Xunta de Galicia se non que tamén haxa un cambio de políticas”

Sobre a presenza de Martiño Noriega nas listas Antón Sánchez afirmou que é “unha peza moi importante que aporta moito valor á candidatura” e que a súa presenza “vai ser moi importante para a derrota de Núñez Feijóo porque representa esa parte soberanista e municipalista da coalición”. Tamén afirmou que Martiño Noriega “está disposto e asume este compromiso con toda a enerxía”.

De Miguel Anxo Fernán Vello, cabeza de lista por Lugo, destacou que é un “referente político pero tamén cultural e literario, cunha longa traxectoria e un compromiso moi forte con este país, unha persoa da máxima confianza dos homes e mulleres de Anova”. Destacou del a súa experiencia en dúas lexislaturas no Congreso dos Deputados, no que defendeu os intereses da provincia de Lugo e de Galicia.

Sobre Iria Figueroa trasladou que “é unha moza de 25 anos que sabe o que é a precariedade”. É xornalista e leva desempeñando diferentes traballos dende que rematou a carreira. Tivo un papel moi destacado no movemento estudantil e “traballou e traballa no movemento xuvenil soberanista de forma intensa”.

“Sempre dixemos que o traballo na institución non é o único”

Así deu resposta Antón Sánchez diante das preguntas dos medios de comunicación sobre cal ía ser o seu papel neste período que se abre. Afirmou que pensa centrarse no “traballo orgánico como Portavoz Nacional” e que na decisión de non ir nas listas “pesaron elementos colectivos e tamén elementos persoais.”

Remata así un período de oito anos no Parlamento de Galicia na que destacou polo seu traballo a carón da sociedade civil e cos colectivos sociais e a Galicia que se move. Nese sentido afirmou que “a vida son etapas e que hai que cambiar” e que “para nós o compromiso é para toda a vida”.