Antón Sánchez: «Estamos transformando a realidade do país dende os concellos»

O Portavoz Nacional de Anova Antón Sánchez denunciou a intensa e desleal política de asedio e derrubo do Partido Popular contra os gobernos municipais rebeldes deixa en claro que «unha nova primavera municipalista en 2019» será quen de abrir un novo ciclo de reactivación cidadá, mobilización social e «disputa da hexemonía conservadora en Galicia».
Por o 13/05/2018 | Sección: Anova,Política
Antón Sánchez:  «Estamos transformando a realidade do país dende os concellos»

A convención de política municipal República dos Concellos foi inaugurada polo alcalde da capital Martiño Noriega, que lembrounos  «se existe espazo de liberdade existe no local. Estamos a ser agredidos polos poderes fácticos e por determinados intereses» e que  «Anova concibiuse para aportar ao espazo de Unidade Popular».

Gladys Afonso e Brais Fidalgo abriron o debate nunha mesa titulada «Anova no espazo de ruptura» no que se reflexionou sobre o momento da Unidade Popular en Galiza. Posteriormente Nacho Iglesias, Alberto Lema, Álvaro Montes, Branca Novoneyra e Ana Olveira participaron na mesa «Cambiar o País dende os Concellos» que foi moderada por Xiana López.

«Reforzar as mareas municipais con todos aqueles que queren a derrota da dereita nos seus concellos»

O discurso do Portavoz Nacional Antón Sánchez estivo centrado na necesidade de activar Anova para fortalecer ás mareas municipalistas. Defendeu a cooperación de abaixo a arriba para xerar espazos políticos cidadáns con decisión propios, respectando a soberanía das iniciativas locais, potenciándoas como instrumentos de empoderamento cidadá, como lugares de encontro do maior número de axentes políticos, sociais e cidadáns, coa maior amplitude e pluralidade sumar a todos aqueles que queren e están dispostos a traballar para lograr a derrota política da dereita no seu concello.

Nese sentido enmárcase a necesidade dunha  «segunda primavera municipalista»  para ampliar a rede de cooperación de gobernos municipais rebeldes e construír mancomunidades e áreas metropolitanas para o desenvolvemento de políticas compartidas e para que sexan un contrapoder fronte á inxerencia da Xunta de Galicia e o Goberno Central.