Antón Sánchez: “Feijóo minte e manipula para non asumir as súas responsabilidades”

O voceiro do Grupo Común da Esquerda pedirá explicacións ao presidente no Pleno tras a labazada xurídica do TSXG á Xunta co auto sobre o parque eólico do Oribio
Publicado por o día 26/11/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Antón Sánchez: “Feijóo minte e manipula para non asumir as súas responsabilidades”

O voceiro do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, afirmou este martes que “Feijóo minte e manipula a realidade para botar balóns fóra e non asumir as súas responsabilidades”, e pedirá explicacións no vindeiro Pleno tras a labazada xurídica propinada polo TSXG á Xunta co auto que desestima o recurso do Executivo autonómico contra a paralización das obras no parque eólico da Serra do Oribio. Estas responsabilidades “debeunas asumir hai tempo, cando nós pedimos reiteradamente a dimisión do director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, por complicidade sistemática con este tipo de prácticas e con estas empresas”. Pola contra, Feijóo dixo que “a adxudicación era do goberno bipartito. Volve mentir. A única decisión que anula o TSXG é a do 27 de xuño de 2019 do Consello da Xunta, do Goberno Feijóo, de aprobación do Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal para a construción do parque eólico do Oribio””, aclarou Sánchez.

Por esta razón, as políticas de protección do patrimonio natural, “abandonadas por este goberno, e subordinadas ao negocio de determinadas empresas”, protagonizarán a pregunta do Grupo Común da Esquerda ao presidente no vindeiro Pleno, segundo explicou Sánchez. Unhas políticas que “pasan por enriba dos valores que hai que preservar na Serra do Oribio e dos dereitos da xente, convertendo o que debera ser unha oportunidade de desenvolvemento, creación de riqueza e fixación de poboación no rural, nun coto privado duns poucos”, lamentou o voceiro.

Ademais, Sánchez tamén preguntará como se ten actuado politicamente 17 anos despois da catástrofe do Prestige para protexernos de situacións coma esa, “cando vemos estes días que se pode repetir en calquera momento” co que está acontecendo co barco Blue Star, encallado na ría de Ares. “Non se aprendeu o suficiente, seguimos expostos ao perigo e a única defensa que temos é a lei da probabilidade. Non houbo ningunha iniciativa política de calado para poder actuar dende aquí dun xeito moito máis eficiente”, sinalou.

Por outra banda, outro dos temas para o Pleno será “a incapacidade para xerar emprego e para evitar a súa destrución” por parte do Goberno do PP, nomeadamente no caso de Unitono, onde hai 132 empregos en perigo porque Naturgy deslocaliza o servizo. “A Xunta asiste impasible á destrución de emprego, mentres ten ferramentas para reverter a situación. Acaban de asinar un contrato de 170 millóns de euros con Naturgy para ser o suministrador da administración autónomica”, destacou, engadindo que “deberían defender os intereses de Galicia, e vemos que non fan nada, como pasou co peche de Isowat. Son inútiles para defender as traballadoras e traballadores deste país”.

Por último, outro dos eixos nos que se centratá Grupo Común da Esquerda no Pleno é o dos recortes nos servizos públicos, especialmente no rural co recente caso do peche do servizo do partos do Hospital de Verín. “Non é un feito illado, é a lóxica neoliberal do Goberno do PP, que incrementa os desequilibrios e afecta as mulleres e o rural. A sanidade pública está en pé de guerra pola sistemática política de recortes, loitando pola dignidade da súa profesión e por un servizo de calidade, mentres o PP aplica o xarabe do recorte. Logo pregúntanse por que a xente abandona o rural e por que hai unha crise demográfica”, expresou Antón Sánchez. Para concluír, Sánchez anunciou unha iniciativa relacionada co Centro de Investigacións Agrarias, que conta con 22 prazas de investigadores e 11 están vacantes desde hai anos, dentro do “desleixo e o ataque constante ao rural” practicado polo PP.

Comentar noticia

Your email address will not be published.