Antón Sánchez: “Feijóo quere deixar atadas e ben atadas as reformas que lle piden os lobbies empresariais antes de ser desaloxado da Xunta”

O voceiro do Grupo Común da Esquerda criticou esta mañá o proxecto de Lei de Ordenación do Territorio presentado polo Goberno galego
Publicado por o día 17/01/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Antón Sánchez: “Feijóo quere deixar atadas e ben atadas as reformas que lle piden os lobbies empresariais antes de ser desaloxado da Xunta”

O Grupo Común da Esquerda criticou hoxe, en rolda de prensa do voceiro Antón Sánchez, o proxecto de Lei de Ordenación do Territorio de Galicia presentado recentemente polo Goberno galego. O Grupo presentará o vindeiro luns unha emenda de devolución a esta Lei por entender que afonda nos problemas que xa resultaban preocupantes do actual modelo de favores cara as eléctricas.

O novo proxecto de Lei vén a modificar a Lei de Ordenación do Territorio de 1995, a cal tiña como principais obxectivos a elaboración de políticas integrais en distintos niveis (económico, industrial, ambiental, patrimonial, cultural…), solventar o desequilibrio entre o Eixo Atlántico e o interior e mais o impulso da coordinación supramunicipal, ben sexa en comarcas, ben en áreas metropolitanas. Antón Sánchez expuxo que ningún destes obxectivos fora cumprido e que, non obstante, o novo proxecto non facía fincapé en poñerlle solución: “o que corresponde a un Goberno é buscar o interese xeral, e en base a iso avaliar o que funcionou e o que non no desenvolvemento dunha Lei e se esta cumpriu ben os seus obxectivos. Neste caso, vemos claramente que non, de feito o desequilibrio entre o Eixo Atlántico e o interior non só non se paliou, senón que se agravou. Feijóo non busca o interese xeral, só o beneficio duns determinados intereses privados”.

O voceiro do Grupo Común da Esquerda denunciou que, no canto de afondar nos obxectivos pendentes da Lei anterior, o novo proxecto se centrase na eliminación de trabas aos instrumentos que xa ‘funcionaban’. “É vergoñento que a Xunta se ampare no interese autonómico e público para estas modificacións que só favorecen as eléctricas. Cando unha eléctrica constrúe un parque eólico, faino mirando exclusivamente polo seu interese privado, e non se pode facilitar desde a Administración a ocupación do territorio galego sen que os habitantes desas zonas saquen ningún beneficio, como se leva anos demostrando que ocorre co modelo que defende o PP”, expuxo Antón Sánchez.

O deputado tamén criticou que nos que a Lei denomina como ‘proxectos de interese autonómico’ se inclúan os proxectos de iniciativa privada, e ademais aqueles non previstos; é dicir, non amparados por un plan sectorial, que é o que debe planificar a actividade do sector. “Isto faise para que sexa o propio promotor privado quen defina os intereses autonómicos e a posibilidade de expropiar os terreos que considere convenientes en base a eses intereses”, apuntou. “Feijóo quere deixar atadas e ben atadas as reformas que lle piden determinados lobbies empresariais antes de ser desaloxado da Xunta”, engadiu.

A Lei tamén inclúe certas modificacións que lles quitan prerrogativas aos concellos, como a supresión da obriga de obter licenza urbanística municipal, o cal Antón Sánchez cualificou como “unha vulneración da autonomía municipal” e considerou como “unha diminución das ferramentas que os concellos teñen para se defenderen da especulación”. “Cando o PP fala de Lei de Ordenación do Territorio, en realidade está falando de Lei de Apropiación do Territorio, e Feijóo máis que como presidente da Xunta de Galicia, funciona como presidente das Eléctricas Xuntas de Galicia”, apostilou.

A respecto das declaracións feitas polo presidente da Xunta, nas que se refería a esta nova Lei de Ordenación do Territorio como “o colofón” da súa política de ordenación do territorio, Antón Sánchez apuntou que desde a Xunta se está a facer “todo ao revés”, xa que “unha Lei de Ordenación do Territorio debe ser sempre o primeiro paso para construír o modelo do país, e a partir de aí se teñen que desenvolver o resto dos instrumentos. Feijóo, non obstante, trae este Proxecto tras ter xa aprobada unha nova Lei do Solo e a Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, feita á medida dos lobbies eléctricos e mineiros”.

Finalmente, o voceiro do Grupo Común da Esquerda criticou o anuncio realizado onte por Núñez Feijóo, sobre unha nova norma legal sobre avaliación ambiental que tería por obxectivo “eliminar trabas e simplificar”: “sabemos que isto significa eliminar trabas para os de sempre, os seus amigos das eléctricas. Isto é unha ameaza grave para o patrimonio natural e cultural e para o desenvolvemento económico deste país”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.