Antón Sánchez: “Feijóo rise da xente cando fala da lexislatura do rural”

O voceiro do Grupo Común da Esquerda preguntará ao presidente no vindeiro Pleno se vai seguir incidindo nas súas políticas de exterminio que expulsan á xente do medio rural
Publicado por o día 06/11/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Antón Sánchez: “Feijóo rise da xente cando fala da lexislatura do rural”

O Grupo Común da Esquerda preguntará no vindeiro Pleno do Parlamento se o presidente da Xunta vai seguir incidindo nas “políticas de exterminio que expulsan á xente do medio rural”, segundo avanzou o voceiro Antón Sánchez este martes. “Feijóo rise da xente deste país cando fala da lexislatura do rural ou dos impostos cero. A xente ten menos medios para vivir no rural que cando chegou Feijóo, paga máis impostos e ten menos servizos. As cifras indican que hai unha política sistemática que expulsa á xente para que outros poidan facer negocio, pasando por riba dos dereitos e da dignidade das persoas”, declarou Sánchez.

Antón Sánchez afirmou que o Goberno do PP é cómplice destas políticas de exterminio “cando deixa que ENCE dirixa a política forestal; cando ampara as eléctricas, os bancos e os fondos voitre para instalar parques eólicos que pasan por riba dos dereitos das persoas; cando apoia proxectos mineiros, como o de Touro-O Pino, nos que as empresas incumpren sistematicamente as polítcas ambientais e vanse cando acaban de facer negocio sen restaurar o dano que fixeron; cando permite a instalación de parques eólicos destruíndo os valores patrimoniais e naturais, que son o futuro para o medio rural e despois as empresas non deixan máis que as migallas e foxen cos beneficios”.

Desta maneira, Sánchez citou tamén o exemplo do que está acontecendo no concello de Mos, onde se pretende “pasar por riba dos montes veciñais para facer un pelotazo coa cidade deportiva do Celta de Vigo, que esconde detrás un macrocentro comercial de 140 mil metros cadrados. Isto supón recalificar o mesmo solo urbanizable que tiña o plan xeral de Mos, arpobado hai menos de dous anos. É un saqueo que agardamos que non remate con éxito porque é volver aos tempos da corrupción urbanística, da complicidade dos concellos e gobernos autonómicos cos pelotazos en beneficio de empresas privadas”.

En definitiva, o voceiro concluíu que o Executivo de Feijóo promove “un modelo produtivo que expulsa á xente e produce abandono e envellecemento”. A este respecto, incidiu en datos que “amosan a sistemática política contra o medio rural”, como o peche de 222 explotacións de leite no que vai de ano, unha cada día, ou a perda de 827 empregos no agro só no mes de outubro. Tamén remarcou que o PP se nega a crear unha comisión de estudo para afrontar a xestión do xabarín como “síntoma dun país que carece dun modelo de ordenación territorial axeitado. O PP prefire a improvisación e as medidas electoralistas. Nunca aspirou a transformar esta realidade porque non é capaz de xestionala, só poden xestionar a mentira”.

Para finalizar, Sánchez destacou tamén que o Grupo Común da Esquerda presentará iniciativas en defensa dos servizos públicos, a  sanidade e o ensino. “Despois de dez anos de precarización e debilitamento, están en auténtico colapso e non pode esperar máis a aplicación de políticas para restaurar os dereitos dos traballadores e dos usuarios destes servizos”, sinalou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.