Antón Sánchez sobre Ferroatlántica: “Feijóo xoga ambiguamente cos intereses da Costa da Morte e de Galicia”

En Marea levará ao vindeiro Pleno unha proposición de lei para que o Parlamento galego se posicione sobre a comisión de investigación de Angrois no Congreso dos Deputados.
Publicado por o día 16/05/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

Antón Sánchez sobre Ferroatlántica: “Feijóo xoga ambiguamente cos intereses da Costa da Morte e de Galicia”

O vicevoceiro de En Marea deu hoxe conta das iniciativas que o grupo parlamentario trasladará ao vindeiro pleno, entre as que destaca a pregunta a Feijóo sobre os intereses que vai defender en dous temas trascendentais para o futuro de Galicia: Ferroatlántica e a AP9

Con respecto a Ferroatlántica, Sánchez sinalou que “os privilexios do señor Villar Mir asociados a gobernos do Partido Popular non son nada novo” e referiuse aos numerosos casos nos que esta empresa se veu beneficiada dos favores das administracións públicas, como a reforma da Lei de Costas do Estado. “As concesións que ten sobre o río Xallas son favores do señor Fraga e dos gobernos do PP sucesivos e agora vemos que o goberno da Xunta xoga ambiguamente cos intereses xerais da Costa da Morte e de Galicia”.

Para En Marea a ambigüidade non é posible neste caso pois “o interese público para este país é manter vinculadas as dúas actividades, a das centrais e a das ferroaleacións porque só así se garante o mantemento de emprego”. Ademais, o vicevoceiro de En Marea entende que “non nos podemos fiar dos plans industriais dunha empresa que ten incumprido sistematicamente os compromisos coa administración, lembramos que xa  no ano 85 en base a unha concesión comprometerase a manter o emprego de 500 traballadores e agora non chegan a 300” e engadiu que estamos diante “dunha nova mentira do señor Villar Mir e do seu xenro para coller o botín e retirarse con comportamentos mafiosos asociados a favores que os gobernos do PP lles fixeron sistematicamente ano tras ano”.

“Tan incómodos se senten con este tema que denegaron a petición de comparecencia do conselleiro de Industria que solicitamos co resto dos grupos” declarou Antón Sánchez. “Non sei a que ten medo”. Ata agora o PP non solventou as dúbidas sobre a autorización da segregación das actividades das centrais “escudándose no cumprimento  escrupuloso da lei, e alegrámonos de que o PP estea decidido a cumprir a lei, pero estas son decisións políticas”.

Sobre a AP9 Antón Sánchez sinalou que Feijóo terá que dar explicacións por que dende o principio o PP traballa para darlle negocio a unha empresa privada. “O PP ten moita memoria para acordarse dos gobernos de Zapatero ou do bipartito pero non pasou tanto tempo dende que privatizou a prezo de amigo a AP9, estando de conselleiro de Politica Territorial o señor Feijóo”. Trala aprobación, a semana pasada no Parlamento por segunda vez por unanimidade solicitar a transferencia das competencias para Galicia, En Marea considera que o prioritario é “rescatala para o público, que o xestione Galicia pero que o xestione a Xunta con criterios de interese xeral e non con criterios empresariais”. Un de cada dous euros antes de impostos son beneficios para esta empresa. Iso significa que se lle concedeu a esta empresa un negocio sen riscos, sen competencia posible e ata o ano 2048. “O ministro acaba de dicir que o PP bloqueará esta Proposición de Lei aprobada no Parlamento, e oseñor Feijoo tomalle o pelo a Galicia cando se tramitou esta transferencia, e o PP non vota o mesmo aquí ca en  Madrid”. E concluíu “ou é complice ou non pinta nada en Madrid, así que non nos é útil tampouco como presidente da Xunta”.

Investigación do Alvia no Congreso 

En Marea tamén trasladará ao vindeiro pleno unha Proposición Non de Lei para que o Parlamento galego se pronuncie apoiando unha comisión de investigación no Congreso dos Deputados, solicitada por En marea na Cámabra baixa e que  está sendo unha vez máis bloqueada polo PP e o PSOE con metodos antidemocraticos. “ Estase debatendo na Xunta de Voceiros  do Congreso a raíz dun escrito de reconsideración do grupo de En marea, pero a intención do PP é seguir bloqueando o coñecemento da verdade e a depuración de responsabilidades políticas”.

Antón Sánchez referiuise ao “comportamento indigno” dun antigo secretario xeral de Infraestruturas premiado pola súa infame labor neste accidente e nas posteriores declaració ascendendo a Ministro de Xustiza que está actuando con comportamentos propios da mafia”. O vicevoceiro de En Marea insistiu en que  isto non significa renunciar  a investigalo na Cámara galega. “Os argumentos do PP e o PSOE da falta de competencias son falsos, pois o regulamento permíteo e o accidente ocurriu en territorio galego, a ver agora que din”.

“Estamos comprometidos coa Plataforma de vítimas e coa cidadanía galega porque non queremos que volva suceder e  queremos coñecer os mecanismos de toma de decisións. Queremos transparencia. Existe a mesma opacidade na toma de decisións e a comisión sería útil tamén para mudar isto”, concluíu Antón Sánchez.

Outros temas destacados que En Marea trasladará ao vindeiro pleno son interpelacións sobre o novo mapa de trasnportes de Galicia “feito ás présas e negociadno só coas empresas” e a situación do 112.  Tamén se debaterá unha proposición de lei instando a modificar o Regulamento do Parlamento para que este esixa facer un seguemento do grao de execución das iniciativas que se aproban na Cámara.

A estafa das ofertas das compañías eléctricas, a demora no pagamento do servizos de persoal docente do programa Agro Galego 2016, a información dos centros educativos sobre as reválidas e a atención sanitaria do barrio da Residencia de Lugo, completan o listado de iniciativas presentadas por En Marea na vindeira sesión plenaria.