Antón Sánchez: “O novo Plan de Transporte de Galicia non se puido facer peor nin con máis improvisación”

En Marea propón un modelo alternativo de transporte público xestionado por entidades supramunicipais para dar un servizo adaptado ás necesidades de cada zona.
Publicado por o día 01/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

Antón Sánchez: “O novo Plan de Transporte de Galicia non se puido facer peor nin con máis improvisación”

O polémico Plan de Transporte de Galicia recentemente presentado pola Xunta chegou hoxe á Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde o vicevoceiro de En Marea Antón Sánchez o cualificou de auténtica “chafallada” e feito en base ás improvisacións e ás présas logo dunha sentenza do Tribunal Supremo que anulaba 129 concesións de transporte público por estrada.

Antón Sánchez tamén se referiu na súa intervención á publicación no día de onte de 42 anteproxectos para a licitación de contratos de transporte por adxudicación directa durante un máximo de dous anos, “unha proba máis da falta de planificación e da nula vocación participativa do proceso, pois o prazo de dez días para formular alegacións só permite participar ás empresas deixando fóra todos os demais actores implicados”.

Para En Marea a ausencia dunha ordenación territorial, os nulos avances en materia de comarcalización, en definitiva, “non contar cun proxecto do país” están detrás deste modelo. Un modelo que para Antón Sánchez “só beneficia a determinadas empresas que acaparan boa parte do negocio do sector e coas que membros do goberno galego veñen mantendo relacións perigosas, botellas Vega Sicilia mediante”.

Perante a cualificación da nova ordenación do transporte como unha “oportunidade” por parte do Director Xeral de Mobilidad, Ignacio Maestro, o vicevoceiro de En Marea ironizou instándoos a “agradecerlles ao Tribunal Supremo que lles dese a oportunidade de obrigalos a actuar, pois esta decisión procede dunha sentenza xudicial, non dunha orde de Feijóo nin da Conselleira”.

En Marea propón un novo modelo de xestión do transporte en base a entidades supramunicipais por zonas para prestar un servizo axeitado ás necesidades da cidadanía e insta á Xunta a crear unha Comisión de Estudio que “non escoite só ás empresas, senón tamén ás organizacións sociais, sindicais e políticas, facendo efectivo o dereito a elaborar un plan participado por toda a sociedade”.