Antón Sánchez: “O fracaso das políticas de Feijóo no rural converten nun problema o que debera ser unha oportunidade”

O voceiro do Grupo Común da Esquerda sinalou que “o PP é un problema para crear oportunidades para a xente do noso país”
Publicado por o día 13/11/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Antón Sánchez: “O fracaso das políticas de Feijóo no rural converten nun problema o que debera ser unha oportunidade”

O voceiro do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, centrou este mércores a pregunta da sesión de control ao presidente da Xunta nas medidas relacionadas co medio rural.  “O fracaso das políticas de Feijóo no rural converten nun problema o que debera ser unha oportunidade”, sinalou Sánchez, xa que “o PP é un problema para crear oportunidades para a xente do noso país”.

Sánchez lembroulle a Feijóo que no rural os datos amosan “o abandono, o envellecemento e o espolio favorecidos pola súa década negra, polo desmantelamento do público, por un modelo produtivo en beneficio das empresas extractivas e polo fiasco das súas políticas de ordenación do territorio”. Así, advertiu que “non se pode invertir esta tendencia sen unha aposta polo público, non se pode facer pechando escolas, quitando médicos e pediatras ou deixando sen facer os centros de día necesarios, eliminando os técnicos das oficinas agrarias ou os investigadores dos centros de investigación agrarios”.

O voceiro tamén criticou que para o presidente “o rural é unha continuación máis dos negocios dalgúns. Como vicario das multinacionais utiliza o DOG para que gañen o que a xente do común perde”. Como exemplos destas prácticas referiuse ao modelo eólico, entregado ao “capital estranxeiro para que fagan negocio a costa de todos”; a ENCE, que “inzada de dirixentes do PP no Consello de Administración, é quen dirixe a política forestal creando pouco emprego e riqueza e xerando moitos impactos”.

“Ademais do debilitamento do público e do expolio das empresas extractivas, as súas políticas foron un aténtico fracaso”, continuou Antón Sánchez. “A medida estrela de xestión administrativa, a fusión de concellos, dous nunha década; as sociedades de fomento forestal, dez en dez anos, xestionando o 0,01% da superficie forestal”, citou. O voceiro tamén fixo referencia ao “fiasco na ordenación do solo, onde perdemos catro veces máis superficie agraria útil que a media do Estado” ou a lentitude nos procesos de concentración parecelaria, que non estarán rematados nesta lexislatura como prometeu o presidente.

Ante a asusencia de respostas e as preguntas formuladas por Feijóo, no turno de réplica Sánchez recomendoulle que se “vaia acostumando a facer preguntas ao Goberno” e esixiulle que aclare se o PP vai seguir pactando con Vox,  “esa forza racista, xenófoba e machista”. A continuación, remarcou que o presidente da Xunta “non pode contestar aos datos que lle dei porque as súas políticas son un fiasco”.

Sánchez concluíu que “o que acontece no rural non é casualidade, é un proceso de destrución cultural, social e ambiental, no que as súas políticas son protagonistas”. Da mesma maneira, acusou o PP de “rirse da xente” cando din que pagan menos impostos. “Pregunte canto subiu o recibo o IBI, o IVE, a auga e a luz, medidas decididas polo goberno do PP en Madrid, e verá como lle din que pagan moitos máis impostos en relación aos servizos que tiñan hai uns anos”, remarcou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.