Antón Sánchez: “Onde deberíamos de ter un recurso para xerar rendas aos habitantes do rural, o que temos é un negocio ás costas da nosa xente”

Hoxe compareceu para denunciar que as grandes empresas do negocio eólico “teñen na Xunta de Galicia un cómplice que lles facilita o traballo”.
Publicado por o día 19/08/2019 na sección de En Marea,Política

Antón Sánchez: “Onde deberíamos de ter  un recurso para xerar rendas aos habitantes do rural, o que temos é un negocio ás costas da nosa xente”

Antón Sánchez defendeu que “as leis aprobadas polo Parlamento deberían defender o interese xeral”. Non acontece iso neste caso, xa que o sector eólico é “un negocio privado moi suculento”. Estaríamos a falar “dun negocio que aproximadamente factura ao ano uns 600 millóns de euros, e que está acaparado por fondos voitre, bancos, construtoras, eléctricas, señores como Florentino Pérez e compañía”, afirmou.

É un modelo que se realiza “sen respecto polo país e sen respecto pola xente”. Antón Sánchez puxo como exemplo o que leva acontecendo nos concellos de Triacastela e de Samos, no que se está a construír un parque eólico dentro dun espazo “que debera estar preservado” por formar parte da Rede Natura, segundo di a Lei 8/2009 do Sector Eólico de Galicia e o Plan Director da Rede Natura, que exclúe expresamente a construción de parques eólicos.

Antón Sánchez denunciou que coa aprobación do Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal no DOG do 14 de agosto fíxose para “vestir o santo, para legalizar obras que xa se estaban realizando ilegalmente, nas que nós pedimos a paralización cautelar”. Informou de que se presentará un recurso administrativo contra ese proxecto. “Fíxose ocultando información, do feito máis opaco posible”, afirmou Antón Sánchez denunciando que colectivos ecoloxistas que levaban pedindo esta información dende fai oito meses foilles trasladada tan só cinco días antes da súa publicación.

Diante deste modelo de espolio, a alternativa que se presenta sería apostar por un modelo “sostible e democratizado”, que puxera por diante do beneficio privado “as rendas dos habitantes, o crecemento endóxeno”, que rematara coa “barra libre para as empresas”. Nese sentido presentouse unha Proposición Non de Lei na que se recolle a “priorización das enerxías renovables”, na que se busca “formas de participación” para a veciñanza e na que se aposta por un modelo de xeración distribuída, apostando por fórmulas cooperativas de elaboración de eléctricas renovables e de pequeno tamaño, para permitir o financiamento de “fórmulas cooperativas”. Este modelo adáptase ás directrices europeas e xa se está a levar a cabo en países como Dinamarca e Alemaña. 

“Non entendemos como o PSdeG despois do acontecido volve a pactar ás escuras co PP o nomeamento dunha nova valedora”

Preguntado polos xornalistas sobre a cuestión da Valedora do Pobo, Antón Sánchez afirmou que “non nos vale que se repita a mesma metodoloxía que deu lugar á situación anterior que tanto desgaste produciu á institución”.

Antón Sánchez afirmou que “non nos parece de recibo é que non se buscase un consenso amplo, polo menos entre as forzas de esquerda, ou teoricamente de esquerda, e que se pacte unha vez máis co Partido Popular despois de que pasara o que pasou.”

Comentar noticia

Your email address will not be published.